Este proxeco recupera un arquivo de fotografías aéreas tomadas pola empresa Crazzyfly ao longo do territorio galego nos anos 80, e conformado por negativos a cor de formato medio. Trátase principalmente de imaxes de vivendas e locais comerciais, pero tamén de paisaxes a gran escala e enclaves empresariais como polígonos ou portos. Imaxes realizadas nun contexto previo á aparición da fotografía dixital, e antes tamén do uso dos drones para facer tomas aéreas, momento no que a excepcionalidade dos voos sobre o territorio rural galego aínda convertía o feito de ser retratados dende o aire nun acontecemento social.
O equipo que realizaba as fotografías (para a súa posterior venda casa por casa), coñecía esta circunstacia, e por este motivo realizaba os voos nas horas do mediodía, evitando así ao máximo as sombras proxectadas e buscando ese momento do día na que os habitantes estaban no fogar, sendo frecuente atopar nas fotografías persoas que saían a mirar á cámara. Esta forma de negocio fíxose popular nestes anos en distintas partes do territorio español pero especialmente en Galicia, onde o apego á terra e a gran dispersión poaboacional, facía da comunidade galega o lugar ideal para a súa proliferación.
Esta colección de imaxes recompoñe, a través dunha perspectiva inusitada e distante, un retrato da paisaxe e paisanaxe do país e as súas transformacións acaecidas nos últimos 40 anos.
María Meseguer Alcain (Madrid, 1966) estuda no International Center of Photography (ICP) de Nova York con profesores como Mary Ellen Mark e Nan Goldin. Xa en España realiza talleres con Eduardo Momeñe, Alberto García Alix, Alberto Schommer, Larry Towell ou Ferdinando Scianna entre outros. Fotógrafa con máis de trinta anos de experiencia traballou para a Residencia de Estudantes de Madrid, ARCO, Fundación Luis Seoane, MAC (Museo Gas Natural Fenosa), Fundación Paideia Galiza, Expocoruña, Concello da Coruña, Hospital Universitario da Coruña, Porto da Coruña, Centro Sociocultural ÁGORA, Museo Gaiás e a Mostra de Cinema Periférico (S8) desde o ano 2011.
