Desde a súa primeira edición en 2017, FFoco consolidouse como un escaparate de referencia para coñecer e amosar o estado actual da fotografía documental en Galicia.
Proxeccións, exposicións, presentacións, conversas, obradoiros prácticos e outras actividades dan forma cada ano ao programa de FFoco, o único festival destas características no país, que ofrece a unha escolma de autoras e autores contemporáneos a oportunidade de presentar o seu traballo a novos públicos.
A participación da veciñanza é esencial en cada edición, pois FFoco concíbese en todo momento como unha iniciativa colectiva, pensada para que todas e todos poidan sentila como propia. A programación abrangue diferentes formatos, sempre de balde e dirixidos a públicos de todas as idades.
Promover a cultura galega a través da fotografía.
Impulsar a creación fotográfica con especial atención a autoras e autores locais, coidando a diversidade de miradas sobre A Coruña, Galicia e as súas xentes.
Reconstruír a memoria visual da cidade e establecer un diálogo entre pasado, presente e futuro da fotografía documental galega.
Levar a fotografía á rúa. Achegala a novos públicos. Reactivar a utilización do espazo urbano.
Poñer en relación á fotografía coa cidade e aos fotógrafos coa veciñanza, procurando beneficios mutuos nun espacio sociocomunitario, físico e simbólico.
Abrir unha nova xanela de visibilidade pública e un lugar de encontro no que construír de xeito conxunto un relato visual plural, contemporáneo e innovador sobre Galicia e a súa contorna, alonxado de clixés e lugares comúns.
Cultura e sustentabilidade deben ir da man en todo momento. Por iso, en FFoco tratamos de minimizar ao máximo o impacto medioambiental das nosas actividades e, edición tras edición, nos esforzamos en:
Reducir o uso de plásticos, papeis impresos e elementos dun só uso, apostando polos materiais dixitais sempre que sexa posible. Minimízase tamén a xeración de residuos (por exemplo, nas montaxes e desmontaxes das exposicións), promovendo a súa reciclaxe e xestión eficiente. Nas impresións fotográficas empregamos tintas ecolóxicas.
Potenciar o quilómetro cero, colaborando con provedores e profesionais locais para reducir a pegada ecolóxica e favorecer o desenvolvemento da contorna.
Priorizar o transporte público para desprazamentos dentro da cidade e optar polo tren nos viaxes dos nosos convidados, sempre que sexa posible.