Tras o éxito das catro primeiras edicións, desde a Asociación Recreativo Cultural Acolá abrimos unha nova convocatoria do noso Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, en colaboración coa Fundación Marta Ortega Pérez (Fundación MOP).
Por quinto ano consecutivo, queremos apoiar e promocionar o traballo de fotógrafos nados, residentes ou con traballos centrados en Galicia, achegando as ferramentas que lles permitan publicar a súa obra en formato libro. Coincidindo coa novena edición de FFoco. Festival de Fotografía da Coruña, que celebramos na Fundación Luis Seoane durante os meses de outubro e novembro de 2025, presentamos a quinta edición desta convocatoria que busca potenciar a creación e produción de novos fotolibros e fomentar as interrelacións entre fotógrafos e profesionais vinculados á edición.
Polo momento, xa son unha realidade os libros resultantes das catro primeiras edicións do Premio: ‘Orixe ou cando a marea baixa’, de Ana Paes; ‘Entre as augas‘, de Ana Núñez Rodríguez; ‘MAN’, do colectivo Cadela Negra; e ‘Entidade Singular’, de Iván Nespereira.