ÁS AFORAS DUNHA CIDADE ESTRANXEIRA

María Meseguer

Proxección: 11 NOV
Dobre sesión
16:30 - 17:30 hs. Filmoteca de Galicia
21:00 - 22:00 hs. Fundación Luis Seoane
Ás aforas dunha cidade estranxeira é unha serie de fotografías que recollen escenas aleatorias da paisaxe urbana, principalmente da cidade da Coruña. Arquitecturas imprevistas producidas por accidentes, deterioros ou simplemente por certa luz ou reflexo, que tentan mostrar a beleza que xorde por casualidade no medio que nos rodea. Imaxes que retratan unha arquitectura, ás veces vilipendiada, que poderiamos atopar nos barrios de practicamente calquera cidade do mundo, e que para a autora conteñen unha beleza por descubrir.

María Meseguer (Madrid, 1966) estuda no International Center of Photography (ICP) de Nova York con profesores como Mary Ellen Mark e Nan Goldin. Xa en España realiza talleres con Eduardo Momeñe, Alberto García Alix, Alberto Schommer, Larry Towell ou Ferdinando Scianna entre outros. Fotógrafa con máis de trinta anos de experiencia traballou para a Residencia de Estudantes de Madrid, ARCO, Fundación Luis Seoane, MAC (Museo Gas Natural Fenosa), Fundación Paideia Galiza, Expocoruña, Concello da Coruña, Hospital Universitario da Coruña, Porto da Coruña, Centro Sociocultural ÁGORA, Museo Gaiás e a Mostra de Cinema Periférico (S8) desde o ano 2011.