Skip to content

Fronteiras do alén

Ariadna Silva Fernández

Fronteiras do alén describe a convivencia cotiá coa morte dende a mitoloxía galega e dende a relixión. Trata os medos, as inquedanzas, os desexos, e as ofrendas. Esta primeira aproximación á fronteira do outro mundo emprégase para buscar ao Urco, un can negro, de ollos vermellos e grandes fauces que emerxe todas as noites ás beiras dos rios ou do fondo do mar para devorar á súa presa. Os seus aullidos son presaxio de morte: o son dun ladrido que rompe o silencio nocturno é unha confirmación de que o Urco está presente, aínda que non sexa visible.

O ser mitolóxico coexiste co anhelo pola curación a través da simulación da morte. Na parroquia de Santa Marta de Ribarteme (Pontevedra) realízase cada 29 de xullo a procesión dos cadaleitos. Santa Marta foi unha das Santas Mulleres de Xesús e foi quen realizou as pregarias para que o seu irmá Lázaro resucitase. Por este motivo, as persoas que se ofrezan a Santa Marta deben introducirse no cadaleito portado polos seus familiares en signo de súplica ou de agradecemento para que Marta faga de novo de intercesora entre ámbolos dous mundos. Os ofrecidos tiveron un contacto moi próximo coa morte e por iso escenifícana, para aferrarse á vida e ser conscientes da tenue fronteira que separa a vida da morte.

Adriadna Silva Fernández. Proxección Fronteiras do Alén. FFoco Festival

Ariadna Silva Fernández

Ariadna Silva Fernández cursou o Máster en Fotografía Artística e Documental na Escuela TAI e ten o Grao en Comunicación Audiovisual pola Universitat Oberta de Catalunya. Foi seleccionada no Canon Student Program 2017 do Visa Pour l’image de Perpignan, nos VIII Encontros de Artistas Novos e no X Festival de Fotografía Pa-ta-ta. En 2018 publica o seu primeiro fotolibro Fillos do vento (BANCO Editorial), un relato persoal sobre a Rapa das Bestas de Sabucedo, e no 2019 autopublica o fanzine Historias mínimas, un relato de relatos íntimos. Ven de recibir a XVIII Beca Albarracín con Cartografía do esquecemento, unha reflexión sobre as consecuencias da industria do eucalipto en Galicia.

www.ariadnasilva.com