Encontro adicado a reflexionar e debatir sobre o papel da fotografía na creación de imaxinarios en torno ao turismo.
A transición do sector primario ao terciario, partindo neste caso do turismo en España como paradigma dun modelo gastado, centra así esta sesión de proxeccións e mesa aberta comisariadas por Luis Díaz Díaz. Os traballos fotográficos de Arantxa Boyero, Manolo Espaliú, Cristina Arribas e Carmelo Vega, Néstor Lisón, Rubén Acosta, Javier Izquierdo e Elisa Gallego son o punto de partida para un debate posterior sobre turistificación e turismofobia, dous conceptos que estiveron tan en boga o pasado verán en Galicia, coa participación dos arquitectos e urbanistas Iago Carro, Íñigo Sánchez e Elisa Gallego.
Completa esta actividade a presentación online por parte de Alelí Mirelman do proxecto Casa Planas, un centro interdisciplinar de creación e interpretación contemporánea do turismo nas Illas Baleares. A singularidade deste espazo é que posúe o arquivo fotográfico máis importante da historia do turismo de masas, xa que conserva o fondo de máis de 3 millóns de imaxes da empresa Casa Planas, no seu momento o estudio fotográfico máis grande de España, que estivo activo entre as décadas dos anos 40 e 90 do século pasado, realizando reportaxes sociais, publicidade turística dos hoteis, fotografía aérea e postais.
Autor da imaxe: Néstor LisónPrograma 2024