
TA-RA. Gales 2013-2022
Sebastián Bruno
Exposición: 31 OUT - 31 DEC
Apertura: xoves 31 OUT | 19:30 hs
Fundación Luis Seoane
As fotografías que conforman a exposición TA-RA. Gales 2013-2022 son o relato dunha década de vida no Reino Unido, en concreto no País de Gales. A experiencia que describe Sebastián Bruno na súa obra é unha mestura de estrañeza e familiaridade, marcada por acontecementos sociopolíticos históricos e actuais, como son doce anos de políticas de austeridade, o Brexit e a crise económica actual. Trátase dun percorrido por personaxes, terreos e texturas que conforman o tecido cotián do lugar, o cal revela unha interpretación alternativa e aberta dun país en proceso de cambio.
Cunhas imaxes tan orixinais como clásicas, Sebastián Bruno describe a sociedade actual de Gales mediante o retrato, xénero fotográfico por antonomasia, para captar o instante en que a máscara social tapa ao individuo, nun xogo irónico, mordaz e tenro á vez. Destacan, no autor arxentino, a coherencia visual nun proxecto de longo percorrido no tempo e a súa firme vontade de expresarse a través da linguaxe da fotografía, na procura dun estilo propio sen concesión ás modas.
TA-RA foi o Proxecto gañador do Premio Mallorca de Fotografía Contemporánea 2022 pola súa inserción no discurso da fotografía contemporánea, así como a exploración que leva a cabo dun territorio europeo, coa intención de indagar no máis íntimo das persoas que o habitan.


Sebastián Bruno
Sebastián Bruno (Bos Aires, 1989) é fotógrafo e cineasta arxentino. Viviu e traballou en Gales ata 2010, actualmente está establecido en París.
Na súa práctica fotográfica tenta comprender e explorar a complexidade das relacións humanas dentro do seu contexto político, histórico e social. Interpretar o mundo, as comunidades e as persoas que poden ser pasadas por alto en nome do progreso, é o que lle proporciona os medios para crear narrativas auténticas, que van máis aló dos límites da práctica documental tradicional.