Alex Domènech
Skin lévanos a espazos de intimidade inmersos nunha contorna hostil. Retrata unha viaxe que cruza territorios xeográficos, políticos e relixiosos onde a liberdade de expresarse libremente vese atrapada nun refuxio construído á forza. Un espazo que nos protexe da ferinte e violenta metralla ideolóxica. Cal é o noso lugar no mundo cando este non nos acepta?
Como home gai viaxando polo globo, vin moitas veces como o dereito ás miñas liberdades básicas foi relegado a un plano privado, en moitas ocasións secreto. As imaxes neste traballo son o que para min é esta viaxe que vai do hostil cara ao íntimo e viceversa, e de como eses dereitos seguen sendo recubertos por capas de violencia e medo. A máis hostilidade, maior necesidade de intimidade. Unha relación que parece ser directamente proporcional.
As fotografías foron tomadas en Kirguizistán, Siria, Líbano e España entre 2018 e 2020. Aínda que algunhas teñen o seu lugar no mapa, outras poderían suceder nun ou outro lugar. A pel erízase igual aquí e en todas partes. As marcas e arañazos son testemuño de paixóns que espertan no privado. As cicatrices aínda pican e a memoria doe. Vastos terreos foron convertidos en campos de batalla, ante os ollos daqueles que os viron convertidos en terra de ninguén.
Alex Domènech
Programa 2021