Skip to content
Poéticas para a memoria dunha guerra allea. Presentación

Miguel Auria

Sábado 25 OUT

13:00 - 13:20 H

Mercado de San Agustín | A Parva (Posto 2P) | Praza de San Agustín, 1

«Estas fotografías forman parte dun proxecto tecido a través da lembranza da guerra de Bosnia. Observada dende a distancia, como a melodía dunha radio escoitada na infancia. Unha pulsión coa que intento narrar unha experiencia íntima, abafada nunha atmósfera escura e densa a onde aínda chega o rumor dunha pregunta mal formulada, perdida nos espazos incomprendidos atados ao inconsciente.

A cámara permíteme apresar a paisaxe e transformala nunha exquisita ensoñación mentres me dirixo a Saraxevo. Apenas permanece un arquivo dixital que conserva o viés do ollar, certa dor, e a éxtase stendhaliana provocada por unha beleza agonizante. Tal vez, un retrato do que non comprendo». — Miguel Auria

Miguel Auria

Miguel Auria (Ourense, 1985) é Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño con especialidade en Fotografía Artística pola Escola de Artes e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense e Titulado Superior en Violín polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Continuou a súa formación na Universität der Künste de Berlín e na Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto, e realizou cursos con autores como Joan Fontcuberta, Carmen Dalmau, David Jiménez, Oscar Molina, Omar Joseff ou Manuel Outumuro.

Expuxo individual e colectivamente en diferentes edicións do Festival Outono Fotográfico. Foi finalista en certames como o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, o Premio COMEL de Arte Contemporáneo en Italia, o Premio José Lamiel de Artes Plásticas, o Duodécimo Premio Auditorio de Galicia para Artistas Novos/as, o Premio de Artes Plásticas “La Brocense” en Cáceres, ou a IV Convocatoria Aberta para Artistas “Lírica al Margen”, onde acadou o primeiro premio. Tamén foi seleccionado na XXVII edición do Concurso Propostas de Axudas á Creación Visual de VEGAP, no Colexio de España en París e en numerosos certames nacionais de artes plásticas e fotografía.

Programa Actividades 2025