19:30 H
Jesús García formou parte dun grupo inicialmente de once persoas —logo catorce, ás veces só cinco—, un grupo de amigos que, tres meses despois de rematar os seus estudos de Belas Artes en Madrid, se trasladou á aldea de Os Blancos (Ourense) sen ter moi claro a que. Alí fundaron o Espacio Matrioska: unha comunidade improvisada de mozos e mozas de Burgos, Galicia, Valladolid e Madrid que quixo vivir, crear e comprender a arte desde un lugar alleo ao ruído.
Os días que foron, libro gañador do V Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, é un diario íntimo daqueles anos nun lugar que custou sentir como fogar, pero que acabou por selo. A medio camiño entre o documento e o testemuño emocional, o proxecto dá conta do impulso dunha xeración que buscou reconstruír a súa vida e a súa práctica artística no medio rural, reocupando espazos baleiros e repensando o seu vínculo co territorio. Pero é, sobre todo, un traballo de afecto e recoñecemento cara ás persoas e aos momentos vividos ás faldas da Raíña Loba e ás portas do Xurés, nunha Limia fría no inverno e queimada no verán. Unha proposta de reconciliación.
Jesús García
Jesús García (Madrid, 1992) estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid e, ao rematar, fundou xunto a varios compañeiros a asociación Espacio Matrioska. Desde o rural galego, a asociación impulsou iniciativas diversas, como un programa de residencias artísticas, proxectos educativos ou o Festival Reina Loba, un espazo de encontro entre as artes, a música e a ecoloxía.
O seu traballo foi presentado en distintos contextos, como OchoPorTres Valladolid ou Arte en Rivas. Foi seleccionado para Lanzadera de Fotografía da Comunidade de Madrid e resultou finalista no Certame de Artes Plásticas da mesma comunidade. Habitual en encontros de edición e autoedición, forma parte do colectivo de autopublicadores Umedo. Recibiu un accésit na Bolsa Roberto Villagraz da escola EFTI, que lle permitiu cursar o Máster en Fotografía de Autor neste centro, que rematou co premio á mellor publicación polo proxecto La tormenta es la muerte, no que aborda, desde unha mirada poética, a morte do seu pai. En 2023 foi seleccionado para participar nos Encontros de Artistas Novos de Santiago de Compostela. En paralelo, desenvolveu a súa actividade profesional como fotógrafo, videógrafo e deseñador freelance
