Nacho Alonso na Colección MICA
O solpor está cheo de nostalxia. Puiden sentilo xa cando meu pai gravaba no verán a posta de sol na praia de Samil mentres o meu can corría en círculos polo céspede coas orellas ben cara atrás e, despois, cando, meses máis tarde, no inverno, viamos a cinta no sofá da casa, Yacky enroscado na alfombra aos nosos pés e o sol poñéndose outra vez lentamente no noso televisor. O tempo pasa e queremos fotografalo todo antes de que desapareza, aínda que unha vez escoitei a Paco Alonso¹ dicir que, no fondo, o tempo non pasa, senón que sempre empeza. E pode que teña razón.
Os merlos, que cantan só ao amencer e ao solpor, é coma se lle cantasen ao final e ao principio do tempo. Coma eles, cando fotografei, case sempre o fixen ao amencer ou ao solpor. Por exemplo, cando fotografaba ceos desde a xanela da casa coma se estivese no espazo ou cando apenas comezaba a retratar adolescentes nos seus agochos nas últimas horas da tarde, sempre pensaba que o máis fermoso era aquilo que apenas dura un instante, o que só asoma, unha parte da verdade. Á natureza gústalle agocharse.
Na miña familia había tradición de buscar «teresitas» na beira do Vao. Eran unhas cunchas pequeniñas, ovoides e coa parte dorsal rosada, que as mulleres da casa buscabamos con verdadeira teima, afundindo a man na area, medio axeonlladas e coas costas encurvadas, coma unha versión mariña das espigadoras de Millet. Gardabámolas facendo un repregue no baixo da camiseta ou nas mans, ata que se nos escapaban de entre os dedos. Se parece que xa non se ven, é porque as temos todas nós en tarros de cristal.
Nunca vin tal fascinación nin atopei a ninguén que as recoñecese como teresitas. Polo visto, o seu nome científico é Trivia arctica e só parecen chamar a atención de afeccionados e científicos especializados. Para nós, en cambio, cada nova teresita que atopabamos celebrabámola coa mesma ilusión que a primeira.
Quizais desta afección por atopar pequenos tesouros veña a miña teima por retratar mozos e mozas que pasan as últimas horas do día na praia, no espigón, na ponte desde a que han saltar, na praza ou na rúa que finalmente os levará á casa cando anoiteza. Polas tardes, cando saio do traballo ou durante algunha escapada de fin de semana, búscoos pacientemente desde Riazor ata Orzán ou polos arredores das rías, coma se fosen teresitas que se moven ao ritmo das mareas. Son retratos tranquilos, apenas dirixidos. Creo que tamén son humildes, mesmo banais. Non buscan a verdade. Se cadra, só a punta do iceberg. Ou nin iso. Un simple pasatempo.
Conta Isabel García Lorca que un campesiño, mentres paseaba polas vereas do río e vía os paxaros nas pólas máis altas das árbores, recibindo os últimos raios do solpor, dixo para si: «Todo o que queda da tarde é para eles».
Sara Montenegro
Sara Montenegro (Sabadell, 1989) pasa todos os veráns da súa infancia e mocidade coa familia materna en Vigo. Fórmase en Filoloxía Hispánica e en Estudos Literarios e Literatura Comparada, pero axiña descobre a fotografía, á que se achega dun xeito persoal e autodidacta.
Ao saír do traballo, colle a súa Hasselblad e percorre as rúas na procura de mozos e mozas a quen retratar nas últimas horas da tarde.
A casualidade lévaa a expoñer en 2017 xunto a Manolo Laguillo e, en 2022, a realizar a portada do último disco da banda catalá de pop-rock Mishima.
