Skip to content
Nacho Alonso na Colección MICA
30 OUT - 29 NOV
Fundación Luis Seoane | Planta baixa

Pegado nun espello detrás de Nacho Alonso, no autorretrato que fixo en 2001, cando comezaba a estudar fotografía en Barcelona, hai un cartel parcialmente esgazado que mostra a imaxe dun indíxena norteamericano co seu penacho de plumas. Debaixo pódese ler a palabra «resistencia».

Hai outro autorretrato, de 2003, tomado no espello do cuarto de baño do aeroporto de Schiphol, en Ámsterdam, no que parece estar ao límite. Enfermo, demacrado. Pero agárrase con determinación á cámara. Quere deixar constancia dese momento.

Nacho retrata tamén outros resistentes. Persoas á marxe do sistema, que resisten en condicións de extrema precariedade, buscando a maneira de saír adiante. Claro que algunhas quedaron polo camiño. Pero iso vainos pasar a todos.

Hai algo nas súas fotografías —a atmosfera, a luz, a roupa, a postura, o xesto, a mirada, a pel— que nos fala de formas de vida, de experiencias. El ten un ollo especialmente adestrado para captar todo iso. Non é doado. Primeiro hai que chegar aos lugares e ás persoas. E despois hai que saber capturar ese instante.

Nacho defínese como un fotógrafo de familia. E non porque fotografe a súa propia familia, senón porque retrata ao longo do tempo persoas e lugares cos que establece un vínculo emocional, de convivencia e proximidade.

Leva vinte e cinco anos facendo fotografías. MICA, a colección de arte contemporánea de Luis Sirvent, reúne obras de diferentes momentos da súa traxectoria. Fotografías tomadas, entre outros lugares, nun gueto da rúa Sombrerería de Lavapiés, en Madrid; nas escaleiras dun piso da Praza Real, en Barcelona; no Brasil, no Uruguai, en Beiramar, en Vigo; en Fuerteventura, en Francia, en Texas, en Marrocos e en Santiago de Compostela.

E aí segue.

Texto: Ignacio Pérez-Jofre

Colabora: Colección MICA

Nacho Alonso

A traxectoria vital de Nacho Alonso (Vigo, 1975) está profundamente marcada pola consecución, aos vinte anos de idade, da súa primeira cámara. Con ela descubriu na imaxe unha ferramenta de salvación; o que comezou como un testemuño da marxinación e do seu propio contorno acabou por converterse nun motor vital esencial para manterse con vida, contrapoñendo a forza creadora da fotografía á inercia autodestrutiva da drogodependencia.

A súa obra encádrase nunha fotografía documental crua, nocturna e intimista, habitualmente en branco e negro, que retrata desde dentro a fraxilidade, a prostitución e os límites da sociedade sen caer no ollar dun observador externo. O seu traballo recibiu un gran recoñecemento coa publicación de Ensayo sobre la noche (Solar de Edicións, 2022), un fotolibro que recompila quince anos de capturas analóxicas. A complexidade da súa vida e o seu proceso creativo centran a biografía El mono de los mil días (2026), escrita por Ignacio Pérez-Jofre.

Programa expositivo

Nacho Alonso na Colección MICA

Nacho Alonso

O que queda de tarde

Sara Montenegro

A vida está noutra parte

Mateo Villalustre e Samuel García

Caixas de resistencia

Iván Nespereira

Hamartia

Rita G. Rivera

Isto é só un (súper) mercado

Rosalía Martínez Souto