Sonia Hermida
12:00 - 13:30 H
Este obradoiro, destinado a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos e impartido por Sonia Hermida (Al otro lado. Asociación de familias lectoras), é un espazo de exploración e construción en torno aos fotolibros. Sabiades que ademais de coas ilustracións os álbumes poden contar historias a través da fotografía?
Nesta actividade imos coñecer unha ampla mostra de fotolibros que nos achegan dende a literatura infantil e xuvenil narracións diversas. Partindo de Entre as augas, fotolibro gañador do II Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, crearemos os nosos propios libros fotografando a nosa contorna e os moitos segredos que podemos atopar en el. O texto? Un pequeno haiku que crearemos para completar o noso exemplar.
Inscricións: ffocofestival@gmail.com
Indicar no asunto ‘Obradoiro infantil’ e engadir no corpo da mensaxe nome completo do neno/a e do adulto que fai a inscrición.
Grupo máximo de 15 rapaces.
Durante o obradoiro, a organiación poderá tomar fotos dos participantes para difusión en redes sociais. A inscrición supón a aceptación expresa desta posibilidade.
Sonia Hermida
Sonia Hermida é mediadora e investigadora especializada en literatura infantil e inclusión, socia fundadora de Al Otro Lado.
Licenciada en Ciencias da Información pola USC. Cursos de doutoramento en Comunicación Audiovisual na UPV. Máster en Lectura, libros e lectores infantís e xuvenís pola Universidade de Zaragoza, no que actualmente imparte docencia no ámbito do álbum ilustrado e a inclusión.
Durante case 14 anos exerceu como xornalista en diversos medios de comunicación e gabinetes de prensa para despois especializarse en comunicación na área da educación e da literatura e, finalmente, traballar como mediadora e formadora de mediadoras/es. Impartiu obradoiros a profesorado, familias e nenos/as en decenas de centros educativos, bibliotecas e espazos culturais.
Nos últimos anos (desde 2019) impartiu formación en mediación lectora e inclusión no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e na Facultade de Ciencias da Educación da UDC, onde coorganizou unhas xornadas de mediación lectora.
Programa Actividades 2025