José Caruncho
Presentación do novo libro do mítico José Caruncho, editado pola Fundación Luis Seoane en colaboración con FFoco.
«Despois de máis de corenta anos traballando puiden reunir unha serie de fotografías que se adaptan perfectamente ao título que desde un principio tiña na cabeza: Ventá a Fisterra.
Para min Fisterra non é o pobo nin o faro, é toda a costa galega, para o que me centrei en fotografar ás persoas, paisaxes e detalles que a identifican. Sempre fun respectuoso con todo o que fotografei, especialmente coas persoas. Unha das características dos meus retratos é que as persoas fotografadas sempre teñen que estar a mirar á cámara; ou sexa, que teñen que saber que están a ser fotografadas. A miña intención é, por tanto, transmitir ao espectador o intercambio de miradas que teño con elas, toda a súa humanidade, e tentar conseguir, aí está o reto e a dificultade, que o espectador senta a necesidade de abrazalas».
José Caruncho
José Caruncho (A Coruña, 1953) estaba predestinado á fotografía: o seu padriño foi o fotógrafo pictorialista Inocencio Schmidt de las Heras e o seu avó, José Vázquez Paz, foi tamén un gran afeccionado á fotografía que dominaba varios dos procedementos pigmentarios como o carbón, a goma bicromatada e as tintas graxas.
En 1982, acudiu á feira de fotografía Photokina en Colonia (Alemaña) e quedou impactado por unha serie de exposicións que lle influíron de maneira decisiva. En 1990 deixou o seu traballo nunha entidade bancaria e dedicouse de cheo ao seu traballo como fotógrafo profesional, onde cultivou o retrato, a paisaxe e o bodegón, compaxinando a súa actividade coa docencia.
A súa obra foi mostrada en numerosas exposicións e forma parte de de coleccións públicas e privadas como as do Concello da Coruña, o Concello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe e o Museo Arqueolóxico da Coruña.
Programa 2024