Onza de trato

Onza de trato

Rubén Gasalla

“Máis vale onza de trato ca libra de traballo”. Así fala o meu avó do que foi o seu oficio. Tamén meu pai foi tratante. Son dúas xeracións que compartiron vinte anos de viaxes, de compras e vendas e, dende logo, ética e estética.

Os meus recordos de nenez están adubados de elementos do trato: as cachabas vernizadas, o camión Man fabricado na Alemaña Federal quecendo durante minutos e a xente que ía enchendo a cociña os mércores pola noite agardando a chegada das vacas. Cando meu avó se xubilou, fará vinte anos, meu pai seguiu co trato e co Man, más dentro xa só viñan xatos e non había xente agardando na cociña. Un día deixou el tamén o trato, polo visto as viaxes a Santiago, Silleda ou Torrelavega xa non pagaban a pensa, por pouco que consumise o Man…

Rubén Gasalla

Fundación Luis Seoane
sala proxeccións planta baixa
5NOV-12DEC 21

Rubén Gasalla (Trabada, 1992) naceu nunha casa de tratantes e gandeiras. Logo duns meses de fotoxornalista para La Voz de Galicia non quixo converter a fotografía no seu traballo por medo a aborrecelo. Cando pode, combina imaxe fixa con videocreación, sempre baixo o prisma documental. No 2019 presentou no Play-Doc a peza A paisaxe é fermosa. Uns meses despois estreou a meidometraxe Laureano Bouzas, falso documental galardonado coa liña de axudas Grupo Xerminal. Ao longo de 2019 e 2020 fixo a dirección de fotografía do documental Dorothé na Vila (de Olaio Tubío e Alejandro Gándara).

El Barrio

El Barrio

Isra Cubillo

“Sentimentos enfrontados ao regresar a un barrio do que, en canto puiden, marcheime.

Ás veces as cousas van a peor ou quedan igual. Un barrio tranquilo, un lugar onde nada parecía ter lugar.

Agora, moitos anos despois, tento velo con outros ollos tendo aqueles, recordos de rapaz.

É como moitos dos meus traballos, algo aberto.

Como a película, «En Construción».

Aquí sigo, vendo barcos e trens.

Imaxinando posibles viaxes.

De momento”.

Isra Cubillo

Fundación Luis Seoane
SALA PROXECCIÓNS PLANTA BAIXA
5NOV-12DEC 21
Isra Cubillo (A Coruña, 1973) é un fotógrafo autodidacta, que participou en obradoiros e seminarios con artistas como Bernard Plossu, Alberto García-Alix, Vari Caramés, Ricky Dávila, Laura González, Carlos Cánovas ou Jose Manuel Castro Prieto. No 2005 foi nominado para a beca de fotografía da Fundación Santa María de Albarracín; no 2011 participou en Descubrimientos PHotoEspaña e un ano despois no visionado de portafolios Novos PHE.  Ademais, foi finalista ao Premio Luis Ksado 2014. O seu traballo protagonizou diferentes exposicións individuais e colectivas, entre as que salienta «Un cierto panorama. Reciente fotografía de autor en España», comisariada por Jesús Micó, incluida na sección oficial de PHotoEspaña 2017 e que está a itinerar por diferentes cidades europeas e latinoamericanas.

Origen o cuando la marea baja

Origen o cuando la marea baja

Ana Paes

Origen o cuando la marea baja é unha acumulación de momentos que a autora viviu preto da súa familia e persoas queridas ao longo de aproximadamente dous anos, reunidos e conectados como parte dun impulso maior de mirar cara a dentro de si mesma. A relación entre estas vivencias, algunhas moi diferentes e illadas entre elas, flúe no plano do subxectivo.

Entre as devanditas vivencias está a viaxe-reencontro coa súa irmá Sara en Toronto, que foi viaxe e catarse persoal á vez. Tamén están as paisaxes de marea baixa que se repiten no seu imaxinario ao longo dos anos. Outros momentos son cos seus pais, experiencias de xogo sinxelas, como rexistrar o que fan cun prego de papel ou o que crean a partir de elementos elixidos por eles, como o pan e a terra. Entrar xuntos no xogo e re-coñecerse desde outros lugares. Quizais a imaxe final é en parte escusa para a vivencia compartida.

Fundación Luis Seoane
SALA PROXECCIÓNS PLANTA BAIXA
5NOV-12DEC 21

Ana Paes (A Guarda, 1982) é licenciada en Historia da arte pola Universidade de Santiago e Máster propio en Historia e Estética da Cinematografía polaUniversidade de Valladolid.

A súa formación en fotografía e cinema está moi vinculada á investigación de técnicas analóxicas. En 2015 foi unha das gañadoras da I Convocatoria ‘Género y Figura’ e no 2017 participou no VII Encontro de Artistas Novos en Compostela. En 2019 formou parte das Projections Night’ s Artists en Loading Fest do Porto e expuxo unha selección de imaxes do seu último proxecto, Origen o cuando baja la marea, en La Casa Encendida de Madrid, xunto a unha mostra de material de traballo e do seu arquivo persoal. Tamén formou parte de los ‘Lunes Fotográficos’ da Sociedad Fotográfica Arabesa e coordinou e impartiu diferentes talleres no Laboratorio de fotografía no espazo artístico independente LAGO, en Madrid.

Ademais, Ana autopublicou varios dos seus proxectos, como Ser cuerpo e Ensaio II.

Ánima

Ánima

Ruth Montiel Arias

Ánima é un diálogo entre a tradición da matanza do porco e o seu paralelismo coa crenza mitolóxica da “compaña”, un encontro entre a  superstición e o costumismo galego para imaxinar unha nova relación entre o folclore e un humanismo non antropocéntrico.

Ánima móvese da noite ao día, do silencio ao berro, do máxico ao real, do invisible ao visible, do ‘executor’ ao ‘executado’. Un camiño en descenso onde a tradición e as crenzas atopan os instintos máis primitivos da condición humana. Do branco e negro á cor, esta viaxe pretende non deixar indiferente a ningún espectador.

Fundación Luis Seoane
SALA PROXECCIÓNS PLANTA BAIXA
5NOV-12DEC 21

Ruth Montiel Arias (Palmeira, A Coruña, 1977) é graduada en Artes Aplicadas pola Escola Superior de Artes Pablo Picasso da Coruña. Realizou o Máster de Fotografía Concepto e Creación na madrileña escola EFTI e o Máster de Identidade Corporativa na Escola Superior de Deseño Elisava, en Barcelona.

Os seus proxectos persoais investigan a relación humana co territorio natural e os seus conflitos derivados da dominación e opresión animal, ambiental e social.

A súa obra foi exposta en institucións culturais internacionais como o Centro Cultural de España en Lima (Perú), a Casa de Mono en Cali, (Colombia), Landkreis Galerie en Alemaña ou o Museo da Memoria de Arxentina, entre outros.

O seu traballo foi seleccionado en distintos certames de arte, así como en bolsas e residencias artísticas nacionais e internacionais, como Futures Photography 2020,  PHotoESPAÑA,  Resident Cultura 2020,  Best  Photo Essay Lifestyle  of  the Ottawa  International  Vegan Film Festival 2019.

Manolo do muro

Manolo do muro

Laure Mojo

Manuel, 73 anos, vive en Castrofeito, unha aldea de O Pino.

É meu pai.

Fotografío a naturalidade do xesto cotián, cada mínima variación.

A súa rutina diaria consiste en percorrer quilómetros ata perder o rumbo. Unha vez se acha perdido, comeza a procura do camino de volta á casa.

Laure Mojo

Fundación Luis Seoane
SALA PROXECCIÓNS PLANTA BAIXA
5NOV-12DEC 21

Laure Mojo (Santiago de Compostela, 1985) constrúe o espazo a través da súa psicoloxía, e o vídeo e a fotografía fano visible. A realidade do seu interior conxúgase co exterior para entregar pequenas doses de verdade curada que desatan a ironía da dor.

En constante conexión coas súas orixes, apica na raíz, deixando ao descuberto cicatrices propias.

A principal característica do seu discurso está na veracidade do mostrado, unha ópera de estímulos visuais e auditivos antropolóxicos.

A pedra mollada que arde

A pedra mollada que arde

Roberto de la Torre

Neste traballo fotográfico o autor fai unha interpretación dos rituais, onde non hai rostros nin retratos. Polo tanto, non hai protagonista nas imaxes, desnaturalizando as persoas que aparecen, de tal xeito, que o ritual transcende máis alá do humano e entra no terreo máxico, onde pedra, auga e lume vencéllannos a esa natureza primitiva onde o ser humano actual tamén é desnaturalizado.

O ritual vencéllanos ao pasado, á natureza: á orixe.

O traballo realizouse integramente en Galicia, xunto cun traballo paralelo de investigación antropolóxica e co rigor documental de fotografar os rituais o día do ano en que se celebran, captando situacións reais non plantexadas e pechando así o círculo: ritual-espazo-tempo.

Fundación Luis Seoane
sala proxeccións planta baixa
5NOV-12DEC 21

Roberto de la Torre (Vigo, 1978) traballa a nivel nacional como fotógrafo independente.

A súa obra componse principalmente de fotografía documental, costumista e social, reivindicando o lugar que esta ocupa na fotografía contemporánea.

O seu traballo visual foi finalista e nomeado en premios e festivais nacionais e internacionais e protagonizou exposicións en diferentes salas de Galicia.

Colabora de cotío con diferentes publicacións culturais de tirada nacional e internacional e na actualidade é o fotógrafo oficial da SAGA (Sociedade Antropolóxica de Galicia).