Dialect

Dialect

Felipe Romero Beltrán

24 OUT - 23 NOV
Fundación Luis Seoane | Sala central. Primeiro andar
«O meu traballo céntrase en situacións sociais concretas, en momentos de transición, onde os corpos e os xestos convértense nunha linguaxe silenciosa para falar de pertenza e desprazamento.» — Felipe Romero Beltrán

Entre 2020 e 2023, Felipe Romero Beltrán documentou a vida de nove mozos marroquís aloxados nun centro para migrantes en Sevilla. Entrados ilegalmente en España e á espera da regularización da súa situación administrativa, permanecen obrigados a vivir neste lugar de retención. Durante estes tres anos, correspondentes á duración media do proceso legal para obter un permiso de residencia, Beltrán conseguiu establecer unha relación de confianza cos nove mozos, dos que narra o seu día a día.

Dialect mestura diferentes tipoloxías de imaxes: algunhas tomadas de maneira espontánea, outras postas en escena e elaboradas en colaboración cos protagonistas, que recrean, en particular, lembranzas da súa travesía. Fronte á violencia do sistema xudicial, do encerro e da migración forzada, Felipe Romero Beltrán contrapón unha linguaxe formal onde a dozura e a tenrura afloran en cada imaxe.

Felipe Romero Beltrán

Felipe Romero Beltrán (Bogotá, Colombia, 1992) é fotógrafo documental que vive e traballa en París. É recoñecido polos seus proxectos artísticos comprometidos, que exploran a migración e a identidade. As súas obras foron presentadas en numerosas exposicións individuais e colectivas a nivel internacional.

Beltrán publicou varios libros: Magdalena (2020) coa editorial Anómalas; Dialect (2023), publicado por Loose Joints Publishing; e Bravo (2025), tamén con Loose Joints, en colaboración coa Fundación MAPFRE, tras ser recoñecido co premio KBr Photo Award.

Pixaim

Pixaim

Claudia Prechedes

24 OUT - 23 NOV
Fundación Luis Seoane | Sala de vitrinas. Primeiro andar

Pixaim é un proxecto documental que nace da experiencia persoal da súa autora, Claudia Prechedes, e se expande como un proceso colectivo de exploración, intercambio e resistencia. Baseado na transición capilar, este ensaio fotográfico propón unha profunda reflexión sobre a identidade, a estética, o racismo estrutural e o sentimento de pertenza á comunidade.

O nome Pixaim, palabra de orixe guaraní usada de maneira pexorativa para referirse ao cabelo rizado, reinterprétase aquí como símbolo de forza, ascendencia e beleza. A través da fotografía, dos medios audiovisuais e da exploración sensible, o proxecto constrúe un arquivo emocional que dá visibilidade a historias a miúdo silenciadas.

O proxecto visual Pixaim é un manifesto poético e político para a valorización da negritude na súa multiplicidade.

Claudia Prechedes

Claudia Prechedes (São Paulo, Brasil, 1980) é artista multidisciplinar autodidacta e Investigadora afrobrasileira, que vive e traballa na Coruña. A súa práctica artística abrangue fotografía, vídeo e instalación, e céntrase en deconstruír estereotipos de xénero, raciais e de clase, desafiando as representacións normativas que moldean a nosa percepción da identidade.

Pobo afgano, trincheiras e campos de tiro. Salcedo 2023-2025

Pobo afgano, trincheiras e campos de tiro. Salcedo 2023-2025

Damián Ucieda Cortés

Proxección: sábado 25 OUT | 11:00 hs
Filmoteca de Galicia

A base militar “General Morillo” e o seu campo de manobras aséntanse sobre unha superficie total de 216 hectáreas que son o resultado de sucesivas cesións realizadas ao Estado, Ministerio de Guerra naquel entón, polos Concellos de Pontevedra e Vilaboa desde 1898.

En setembro de 2008, o Ministerio de Defensa aproba a ampliación da franxa de seguridade das instalacións militares e inicia as obras do que popularmente se coñeceu como «Pobo afgano»: unhas instalacións que o Exército utiliza para adestrar aos soldados en combate urbano, concretamente na guerra de Afganistán.

Esta actuación mobilizou ás poboacións locais e ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Figueirido, Vilaboa e Salcedo pola defensa dos seus correspondentes montes veciñais, desencadeando nunha reclamación xudicial e en continuas mobilizacións e protestas veciñais fronte á ocupación militar.

O proxecto de Damián Ucieda aborda este conflito territorial en Galicia, ao tempo que pon de relevo o impacto ambiental das actividades militares, vinculando a defensa da terra cunha crítica aos custos dos conflitos bélicos.

Damián Ucieda Cortés

Damián Ucieda Cortés (A Coruña, 1980) completou os seus estudos en Ilustración na Escola Massana de Barcelona e graduouse en Fotografía no Edinburgh College of Arts.

O seu traballo foi exposto internacionalmente en institucións como o Moscow Museum of Modern Art, a National Portrait Gallery de Londres, a Royal Scottish Academy, o CCEMX, o Museo Patio Herreriano de Valladolid e a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, entre outros.

As súas obras forman parte das coleccións públicas do Museo Nacional Reina Sofía, Ministerio de Cultura, Concello da Coruña, CGAC, a Colección Arte Contemporáneo-Patio Herreriano, Colección DKV, Fundación Aena, Fundación Luis Seoane e Fundación María José Jove.

O seu traballo formula unha ollada sobre a condición do ser humano e a súa contorna dentro dun mundo contemporáneo que filtra tanto a través de imaxes escenificadas como capturadas.

Un lugar desprazado coma o meu corpo

Un lugar desprazado coma o meu corpo

Sabela Eiriz

Proxección: sábado 25 OUT | 11:00 hs
Filmoteca de Galicia

«Digo ‘lugar’ e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa». — Sabela Eiriz.

Un lugar desprazado coma o meu corpo explora a contorna dende a mirada dubidosa do (des)encontro na periferia dunha cidade, dunha casa, dunha identidade, para negociar entre o que se quere e o que se pode (ou entre o que se aspira e o que se espera). O entorno rural da casa desaparece, comido pouco a pouco por un polígono circundante que se converte en punto de encontro para rehabitar un corpo que non sabe ben como regresar, como reconstruír un fogar alterado polo tempo, polo humano e pola máquina. Hai un peso sobre todas as cousas que as arrastra, e un cuestionamento continuo sobre o que se está a facer.

A cámara irrompe na escena como un intento de recuperar un lugar estancado na memoria, situándose en primeira persoa para observar e comprender os cambios acaecidos nun lugar antes coñecido. Neste corpo de traballo, a imaxe funciona como un estado de ánimo, reflectido no lugar e proxectado nos encontros. A fotografía é unha especie de testemuña do ollo sensible, desmarcándose de códigos estancos para tratar de atopar un camiño expresivo e poético, rigurosamente ambivalente. O tratamento da cor e o uso da luz, con ese carácter taciturno, intentan trasladar a atemporalidade dun espazo anómino e solitario e situalo nunha posición que permita contemplalo, analizalo e, sobre todo, sentilo. O rexistro intuitivo atópase posteriormente co xogo da combinatoria para reverberar os cambios: fala da alteración sensible dun territorio, pero tamén da resistencia dos seus corpos a non abandoar por completo a tenrura. A habitar, pese a todo, de algunha maneira.

Sabela Eiriz

Sabela Eiriz (Lugo, 1991) é artista multidisciplinar, fotógrafa e cineasta, ademais de Doutora en Artes e Educación e docente.

Como artista multidisciplinar traballa fundamentalmente con fotografía, escrita e vídeo. A súa linguaxe baséase na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. Por outra banda, a súa experiencia e formación en cinema e artes escénicas achegan unha dimensión corporal e sonora a moitos dos seus proxectos. O seu traballo responde á contorna que a rodea, tomando as experiencias e as emocións como puntos de partida, especialmente arredor da memoria, o xesto e o baleiro, así como da metarreflexión sobre a imaxe e os seus usos.

Expuxo en espazos como Espais Volart, a Fundación Luis Seoane ou as galerías Néboa e Sarao Gallery. A súa obra está presente nas coleccións da Fundació Vila Casas e da Rede Museística Provincial de Lugo.

Alén do lago

Alén do lago

Carlos Folgoso Sueiro

Proxección: sábado 25 OUT | 11:00 hs
Filmoteca de Galicia

«Toño adoitaba chegar á casa con bolsas de noces, dicindo que llas regalara a súa moza, Rosa-Mari. Mais Rosa-Mari só existía nos soños de Toño.

Alén do lago explora unha Galiza onde realidade e lenda se entrelazan mentres avanza a erosión da súa identidade cultural. A través de imaxes persoais, de metáforas, e de citacións pictóricas e cinematográficas, o proxecto retrata unha paisaxe en transformación: prendida entre a resistencia e o abandono, entre o pasado e a incerteza.

Toño é parte desa Galicia atrapada no tempo. Toño é tamén o meu curmán». — Carlos Folgoso Sueiro

Carlos Folgoso Sueiro

Carlos Folgoso Sueiro (Verín, 1982) é fotógrafo e sociólogo, centrado na exploración da orixe do tempo, a gravidade, a creación e o destino do universo, así como dos sentimentos profundos dos seres humanos. A súa fotografía aborda cuestións sociais, xeopolíticas e ambientais, combinando intereses en xeografía, historia e filosofía, cunha especial atención á análise de mapas e gráficos. A maior parte dos seus proxectos céntranse en Rusia e na súa terra natal, Galicia.

O seu traballo foi publicado en medios internacionais como National Geographic, Geo, Stern, Vanity Fair, Sunday Times, Der Spiegel, L’Espresso, D-Repubblica, The British Journal of Photography, Paris Match ou De Volkskrant. A súa obra foi exposta en institucións como o Museo Hermitage de San Petersburgo e no Real Xardín Botánico (no marco de PHotoESPAÑA) e na sala Canal de Isabel II, ambas en Madrid.

En 2024 foi recoñecido co XII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, impulsado polo Outono Fotográfico.

Aquí ninguén fala diso

Aquí ningúen fala diso

Maider Jiménez

Proxección: sábado 25 OUT | 11:00 hs
Filmoteca de Galicia

«Comecei a vivir en Ferrol aos nove anos, aínda que desde que nacín xa me traían a miúdo para visitar a miña familia materna. Esta cidade sempre foi o meu fogar, mais ás veces pregúntome que tería pasado se medrase noutro lugar, onde estaría agora se esta cidade fose diferente.

Hai pouco decateime da presenza do muro. Ata ese momento pasárao por alto, como todo o que nos acompaña desde sempre, como todo o que damos por feito. Pasara por alto dous quilómetros de pedra e ferro, un muro de sete metros de altura que me impedía ver o horizonte a diario. Entón, pensei en como algo deseñado para protexer pode tamén confinar, en como o pasado se impón.

No marco dunha cidade en declive, dentro dun ambiente desesperanzador e monótono, utilizo o muro que nos separa do mar para falar dun futuro incerto. Dun medo ao porvir, pero tamén da ilusión de imaxinalo». — Maider Jiménez

Maider Jiménez

Maider Jiménez (Vitoria-Gasteiz, 1982) traballa profesionalmente como fotógrafa, editora, videógrafa e docente. Estudou Ilustración na EASD Vitoria-Gasteiz e posteriormente cursou o máster de Creación Fotográfica na Lens Escola de Artes Visuais. Nos seus proxectos explora temáticas que implican o xénero, a identidade, os vínculos afectivos e a familia. Entende o seu traballo fotográfico como un lugar de encontro consigo mesma, unha ferramenta de autocoñecemento a través da vida cotiá, da intimidade e do retrato.

A súa obra foi exhibida no Festival Getxophoto 2023 e en espazos como o Museo La Neomudéjar en Madrid, o Centro Cultural Montehermoso e a Sala Amárica en Vitoria-Gasteiz, Control Club e The Hive en Londres, e o IMTA en Jiutepec (México), entre outros.

En tránsito

En tránsito

Andrea Ratto

Proxección: sábado 25 OUT | 11:00 hs
Filmoteca de Galicia

«Pásome a vida fotografando o que me rodea, nunha procura que me leve a entender o mundo e, en última instancia, a coñecerme un pouco máis a min mesmo.

Despois de vinte anos vivindo na Coruña, non acabo de sentirme de aquí, e xa non me identifico plenamente con Xénova, a miña cidade natal en Italia.

A miña condición de estranxeiro en calquera lugar manténme nun tránsito constante.». — Andrea Ratto

Andrea Ratto

Andrea Ratto (Xénova, Italia, 1976) é fotógrafo que vive na Coruña desde 2005.

Comezou a fotografar cando era un neno. A cámara acompañouno en viaxes por todo o mundo e, nos últimos anos, sentiuse atraído pola fotografía de rúa e documental. En 2017 percorreu as rúas de 26 países europeos coa súa cámara nunha viaxe totalmente independente. No 2018 completou un crowdfunding na plataforma Kickstarter para recadar fondos co fin de publicar o fotolibro resultante deste proxecto, titulado Europa, que expuxo en Turín, Italia, un ano despois.

En xaneiro de 2020 publicou o fotolibro / fanzine Lavapiés e presentouno nunha exposición na Coruña, no Atelier de fotografía.