Obradoiro con Sebastián Bruno

Obradoiro con Sebastián Bruno

Obradoiro: 1 - 2 NOV
Fundación Luis Seoane

O obxectivo deste taller práctico é desenvolver un retrato contemporáneo sobre a cidade da Coruña, que se concretará nunha pequena publicación colectiva que os participantes levarán en formato PDF para que poidan imprimir de maneira independente.

Na primeira parte da actividade, Sebastián Bruno falará do seu traballo: como emprega o flash e como aborda a descoñecidos para retratalos. Despois, os participantes sairán a fotografar de maneira intensiva e espontánea, de maneira individual ou en grupos de ata tres persoas. A medida que se obteñan as imaxes, iranse descargando e imprimindo, para desenvolver de maneira colectiva a edición e narrativa do traballo resultante.

Os participantes deberán traer o seu propio portátil e cámara dixital con flash.

Inscricións: ffocofestival@gmail.com indicando no asunto ‘Obradoiro’

Sebastián Bruno

Sebastián Bruno (Bos Aires, 1989) é fotógrafo e cineasta arxentino. Viviu e traballou en Gales ata 2010, actualmente está establecido en París.

Na súa práctica fotográfica tenta comprender e explorar a complexidade das relacións humanas dentro do seu contexto político, histórico e social. Interpretar o mundo, as comunidades e as persoas que poden ser pasadas por alto en nome do progreso, é o que lle proporciona os medios para crear narrativas auténticas, que van máis aló dos límites da práctica documental tradicional.

Bóveda, a memoria no lugar

Bóveda, a memoria no lugar

Óscar Gorriz

Presentación e foliada: sábado 2 NOV | 13:00 hs
Fundación Luis Seoane | Salón de actos e patio
«Bóveda, a memoria no lugar, editado por Canela, é o primeiro libro do fotógrafo coruñés Óscar Górriz, unha obra que celebra a riqueza da cultura galega mediante un proxecto etnográfico, fotográfico e musical levado a cabo polo autor durante a súa residencia na Casa da Memoria, en Bóveda (Lugo).

A través de recollidas etnográficas e fotografías analóxicas de medio e gran formato, o autor mergúllase nas lembranzas dos maiores das aldeas do concello de Bóveda, recollendo relatos de vida, costumes, mitos e lendas. A partir deste material ten lugar unha creación musical, producindo cántigas novas de estilo tradicional, co fin de realizar unha achega á música popular, desde unha rexión onde os cantares de transmisión oral esmoreceran antes da chegada das novas xeracións de recolledores de finais do século XX.

O presente tratado subliña a relevancia de conservar vivas as nosas tradicións orais na era da Intelixencia Artificial, garantindo que o noso relato histórico colectivo permaneza accesible tanto en formato online como impreso.

Este proxecto é unha homenaxe ao patrimonio de Bóveda e de Galicia, un testemuño valioso que busca transmitir estas historias e saberes ás futuras xeracións, preservando así a esencia da nosa herdanza.

A publicación contén acceso mediante códigos QR a sons ambiente, conversas gravadas e músicas creadas polo autor, co fin de enriquecer e complementar a experiencia de lectura.

Este libro, que se presentará oficialmente nesta edición do Festival FFOCO, vai acompañado e inclúe o lanzamento do primeiro sinxelo musical do autor, a Xota de Bóveda, en colaboración co arranxista portorriqueño Pablo Hernández Mejías.

A presentación do libro irá aderezada con cantares tradicionais inspirados nas historias do libro, interpretados con pandeiro por Óscar ao estilo da música de foliada. A continuación compartiremos un aperitivo organizado por as compañeiras de A Parva

Óscar Gorriz

Óscar Górriz (A Coruña, 1977) é un creador interdisciplinar cun profundo interese pola etnografía e a cultura galega. Formado en artes visuais entre A Coruña e Barcelona a finais dos anos 90 e principios dos 2000, o seu estilo fotográfico ven marcado pola influencia de mestres como Walker Evans, Man Ray, Ansel Adams, Sergio Larraín ou José Caruncho.

Na década dos 2000, colaborou como artista visual na cultura urbana do momento, a cabalo entre Barcelona, A Coruña, Sevilla e Londres, ao tempo que participaba como produtor de música urbana e DJ nos clubs e estacións de radio coruñeses.

A comezos dos 2010 participou como activista na fundación e desenvolvemento de espazos sociais e culturais de vangarda entre Galicia e Portugal, como a Casa Tomada ou a rede Galiza Imaxinaria.

A finais dese mesmo período, centrouse na fotografía documental, realizando a súa primeira residencia artística en Porto en 2018, cidade á que viaxaba frecuentemente naqueles anos, época na que tamén comeza o seu achegamento á música e cultura tradicionais galegas, estudando percusión e canto arredor de mestres como Xurxo Fernandes e Fransy González, e colaborando como realizador e fotógrafo con nomes como Ugia Pedreira, a propia Fransy González ou Miro Casabella.

A súa experiencia artística integral eclosiona en 2023 coa residencia en Bóveda, de onde xorde este libro e na que combina todos os coñecementos adquiridos sobre fotografía, cultura e música. No libro inclúe o seu primeiro sinxelo de música galega, a Xota de Bóveda, inspirada nas historias locais que recolleu no proceso.

Aperitivo Fototográfico

Aperitivo fotográfico

Aperitivo: sábado 2 NOV | 14:00 hs
Fundación Luis Seoane | Patio

Máis que un festival, somos unha verbena! E se a meirande enerxía de FFoco radica na confluenza de autoras e autores, fotógrafos amadores e profesionais, veciñanza e público xeral, non queremos deixar pasar a oportunidade de reunirnos en torno a unha boa ración de petiscos e grolos. Así que, un ano máis, os convidamos a acompañarnos neste aperitivo fotográfico, que nesta ocasión terá lugar no patio da Fundación Luis Seoane trala foliada de Óscar Górriz.

Colabora:

Pasaxeiro en tránsito

Pasaxeiro en tránsito

Candelaria Magliano

Presentación: sábado 2 NOV | 16:30 hs
Fundación Luis Seoane | Salón de actos

Pasajero en tránsito é unha colección de tres libros-obxecto, editados por Candelaria Magliano. Son rexistros de viaxes, recortes do camiño, no que cada fotografía transfórmase nunha xanela cara fóra, a paisaxe aparece fragmentada ante o receptor. Os tres libros teñen como fío condutor a idea de viaxe como tránsito/mutación/pasaxe.

Candelaria Magliano

Nada en Arxentina en 1976, desde abril de 2023, Candelaria Magliano reside en Galicia xunto á súa familia. Licenciada en Comunicación Social e con estudos en Fotografía e Montaxe de Espazos Expositivos. Como artista, as súas fotografías foron exhibidas en exposicións individuais e colectivas en varios países e recibiu premios e mencións nacionais e internacionais.

Unha arca entre Peixes e Pantasmas

Unha arca entre Peixes e Pantasmas

Colectivo OLLO

Presentación: sábado 2 NOV | 17:00 hs
Fundación Luis Seoane | Salón de actos
O traballo dos alumnos asistentes á segunda edición do obradoiro Novas Olladas á Costa Galega, o obradoiro impartido polo colectivo OLLO nunha vila da costa galega no verán, queda recollido nesta publicación, que contou coa colaboración de Ruth Montiel Arias como docente e editora e co apoio do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Por parte do Colectivo OLLO, os profesores- titores do proxecto foron os fotógrafos Vanessa Casteleiro e Óscar Corral, mentres que a coordinación do curso desenvolveuna Mª Soliña Barreiro González, profesora de fotoxornalismo da USC.

O obradoiro combinou diferentes sesións de teoría e de práctica, incluíndose tres saídas fotográficas e dúas sesións de edición.

A partir destas, os participantes fraguaron tres reportaxes documentais nas que todos e todas –profesores e estudantes– colaboraron con algunha fotografía dando como resultado este libro colectivo.

Entre as augas

Entre as augas

Ana Núñez Rodríguez

Presentación: sábado 2 NOV | 18:00 hs
Fundación Luis Seoane | Salón de actos

O libro Entre as augas, de Ana Núñez Rodríguez, con deseño de Tono Mejuto e Iván Nespereira, está composto por un conxunto de imaxes que cuestionan ao espectador sobre a dominación do sentido da vista, unha proposta baseada nunha serie de xogos conceptuais con respecto ao visible-non visible, que nos achega a outros modos de entender a percepción.

Esta nova publicación é froito do II Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, creado e impulsado por FFoco. Festival de Fotografía da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación e produción de fotolibros con vinculación galega.

Ana Núñez Rodríguez

Fotógrafa lucense radicada entre España e Colombia. Ana Núñez Rodríguez estudou Fotografía Documental e Creación Contemporánea en IDEP Barcelona, ten un posgraduado en Fotografía da Universidade Nacional de Colombia e se graduó con honras da Mestría en Fotografía e Sociedade na Real Academia de Belas Artes (KABK) na Haia. Formou parte de Lighthouse 2020-21, un programa para futuros talentos en Fotodok, Utrecht. En 2022 foi seleccionada para unirse a Futures Photography, unha plataforma que promove fotógrafos emerxentes en Europa.

O seu traballo exhibiuse en exposicións colectivas en diferentes países, incluído o Festival PhotoIreland en Dublín, o Festival Circulation(s) en París, entre outros, e tamén de forma individual no Foam Fotografiemuseum en Amsterdam.

Ventá a Fisterra

Ventá a Fisterra

José Caruncho

Presentación: sábado 2 NOV | 18:30 hs
Fundación Luis Seoane | Salón de actos

Presentación do novo libro do mítico José Caruncho, editado pola Fundación Luis Seoane en colaboración con FFoco.

«Despois de máis de corenta anos traballando puiden reunir unha serie de fotografías que se adaptan perfectamente ao título que desde un principio tiña na cabeza: Ventá a Fisterra.

Para min Fisterra non é o pobo nin o faro, é toda a costa galega, para o que me centrei en fotografar ás persoas, paisaxes e detalles que a identifican. Sempre fun respectuoso con todo o que fotografei, especialmente coas persoas. Unha das características dos meus retratos é que as persoas fotografadas sempre teñen que estar a mirar á cámara; ou sexa, que teñen que saber que están a ser fotografadas. A miña intención é, por tanto, transmitir ao espectador o intercambio de miradas que teño con elas, toda a súa humanidade, e tentar conseguir, aí está o reto e a dificultade, que o espectador senta a necesidade de abrazalas».

José Caruncho

José Caruncho (A Coruña, 1953) estaba predestinado á fotografía: o seu padriño foi o fotógrafo pictorialista Inocencio Schmidt de las Heras e o seu avó, José Vázquez Paz, foi tamén un gran afeccionado á fotografía que dominaba varios dos procedementos pigmentarios como o carbón, a goma bicromatada e as tintas graxas.

En 1982, acudiu á feira de fotografía Photokina en Colonia (Alemaña) e quedou impactado por unha serie de exposicións que lle influíron de maneira decisiva. En 1990 deixou o seu traballo nunha entidade bancaria e dedicouse de cheo ao seu traballo como fotógrafo profesional, onde cultivou o retrato, a paisaxe e o bodegón, compaxinando a súa actividade coa docencia.

A súa obra foi mostrada en numerosas exposicións e forma parte de de coleccións públicas e privadas como as do Concello da Coruña, o Concello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe e o Museo Arqueolóxico da Coruña.

Fotografía e turismo

Fotografía e turismo

Proxeccións e mesa aberta: sábado 2 NOV | 19:30 hs
Fundación Luis Seoane | Salón de actos

Encontro adicado a reflexionar e debatir sobre o papel da fotografía na creación de imaxinarios en torno ao turismo.

A transición do sector primario ao terciario, partindo neste caso do turismo en España como paradigma dun modelo gastado, centra así esta sesión de proxeccións e mesa aberta comisariadas por Luis Díaz Díaz. Os traballos fotográficos de Arantxa Boyero, Manolo Espaliú, Cristina Arribas e Carmelo Vega, Néstor Lisón, Rubén Acosta, Javier Izquierdo e Elisa Gallego son o punto de partida para un debate posterior sobre turistificación e turismofobia, dous conceptos que estiveron tan en boga o pasado verán en Galicia, coa participación dos arquitectos e urbanistas Iago Carro, Íñigo Sánchez e Elisa Gallego.

Completa esta actividade a presentación online por parte de Alelí Mirelman do proxecto Casa Planas, un centro interdisciplinar de creación e interpretación contemporánea do turismo nas Illas Baleares. A singularidade deste espazo é que posúe o arquivo fotográfico máis importante da historia do turismo de masas, xa que conserva o fondo de máis de 3 millóns de imaxes da empresa Casa Planas, no seu momento o estudio fotográfico máis grande de España, que estivo activo entre as décadas dos anos 40 e 90 do século pasado, realizando reportaxes sociais, publicidade turística dos hoteis, fotografía aérea e postais.

Autor da imaxe: Néstor Lisón

Misións pedagóxicas

Misións pedagóxicas

Robot City

Sesión DJ e vídeo arte: sábado 2 NOV | 21:30 hs
Fundación Luis Seoane | Patio
O fin de festa desta edición vén da man de Robot City, que pechará a xornada con música atmosférica cargada de breaks con pasaxes mentais e hipnóticos. Música por computadora, influenciada pola sci-fi, o elektro, o techno e a mensaxe pura, clásico e atemporal.

Robot City son Salvador Rojo (que se encarga da música) e Caskbel (Vj e vídeo artista), quen misturará durante a sesión musical unha escolma das fotografías que compoñen as exposicións da oitava edición de FFoco.

Colabora:

Robot City

Nado en Lugo en 1982, desde idade temperá interésase polo Rap dos 90 e pola producción musical, un gran digger onde descobre variantes en diferentes xéneros ata a actualizadade.

Creador xunto a Caskbel de jazztronomyrecords, un selo de ultra nicho onde teñen 2 referencias ata o momento.

Robot City pasou por Festivais e clubes como ESPAI, Fanzine Fest, Ombra Fest, Elektro wave, RibelaFest, KPRS24, Specka, Lanna Club, Kiling estafe, Uema Colors, O cubo, Cadavra e SawRoom, entre outros.