Agua Muerta

Agua muerta

Marilene Ribeiro

A través desta exposición, con formato de peza audiovisual, Marilene Ribeiro penetra nas luces e sombras da enerxía hidroeléctrica, dende a perspectiva dos habitantes de zonas afectadas por grandes obras civís. O traballo fala da vida desas familias das ribeiras que se viron afectadas polas represas construidas para a explotación enerxética en tres rexións diferentes de Brasil. Agua Muerte flúe así entre dous ríos, o do material e o do intanxible, para abordar un tema, o do aproveitamento dos caudais de auga con fins enerxéticos, que tan ben coñecemos tamén en Galicia. 

Agua Muerta é o proxecto gañador de Descubrimientos 2020, a revisión de porfolios que cada ano organiza PHotoESPAÑA. 

 
fundación luis seoane
peza audiovisual
5nov-12DEC 21
Coa colaboración de:

Marilene Ribeiro é unha artista visual brasileira que centra os seus proxectos na identidade e nas cuestións sociais contemporáneas, axuntando fotografía, intervención e colaboración. Os seus traballos afondan fundamentalmente en temas medioambientais  e nos dereitos humanos,  dende perspectivas e enfoques decoloniais.

Florilegio

Florilegio

Colectiva

Florilegio. Exposición inAccesible é o proxecto de 15 alumnos do ‘Taller de Fotografía Inclusiva con Espíritu Profesional’ impulsado pola Fundación María José Jove. Os autores Aarón Rey, Adela Ordóñez, África Rivas, Alex Lugris, Antía del Río, Carla Padín, Diana Shevchenko, Diego Martínez, Gloria Cousillas, Hugo Otero, Jorge Baizán, Laura Regueiro, Luis Corraliza, Pablo Merelas e Sasha López queren homenaxear con este traballo a todos os profesionais anónimos (sanitarios, docentes, comerciantes…) que durante os últimos tempos mantiveron vivo o pulso da cidade. 

O resultado son 39 imaxes que se poden ver nunha peza audiovisual na Fundación Luis Seoane e nunha instalación na contorna da Praza de Lugo, con forma de pirámide de catro metros de altura, que pode contemplarse con dificultade, xa que inclúe certas ‘barreiras’ que son un exemplo das que experimentan na súa vida cotía as persoas con diversidade. 

O proxecto Florilegio desenvolveuse durante os meses de abril e xullo de 2021 baixo a coordinación de Nos Why Not. 

contorna praza de lugo
instalación
3NOV-3DEC 21
 
fundación luis seoanE
peza audiovisual
5nov-12DEC 21
Organiza:

Nos Why Not é unha axencia de fotografía que naceu en Oleiros no ano 2013. Realiza todo tipo de traballos e encargos fotográficos e xa ten proxección internacional con colaboradores en Madrid, Barcelona ou Buenos Aires. A súa particularidade é que se trata da primeira axencia de España e do mundo composta por fotógrafos con diversidade funcional.

O fotoxornalista barcelonés Felipe Alonso é o responsable deste proxecto sen ánimo de lucro e a prol da integración social e laboral. Nesta iniciativa pioneira, Alonso imparte obradoiros a persoas con diversidade que, tras esta etapa de formación, poden integrarse no equipo de traballo da axencia.

Son praceira

Son praceira

Vanessa Casteleiro e praceiras, persoal e clientela do Mercado de San Agustín

Retomando o fío da nosa actividade ‘Mire Usted’, desenvolvida coa complicidade da veciñanza da Cidade Vella na primeira e segunda edicións do Festival, as compañeiras Ángela F. Casal e Alba Barbadillo, responsables de A Parva, repartiron cámaras analóxicas entre as praceiras, persoal e clientela de San Agustín, para que captasen o seu día a día e compartisen a súa particular visión da vida e traballo no mercado. Ademais, involucraron tamén á fotoxornalista Vanessa Casteleiro, quen durante unha intensa xornada retratou aos participantes neste proceso experimental de creación colaborativa de imaxes.

Con esta actividade rematada en formato exposición, A Parva e FFoco pretenden por en relación á fotografía co barrio e ás fotógrafas e fotógrafos locais cos habitantes da cidade, revitalizando o seu tecido cultural, social e comercial.

a parva
Mercado de san agustín
6NOV-12DEC 21
Organiza:

Vanessa Casteleiro «Caste» é fotoxornalista de base e fotógrafa de superficie. Autodidacta. Sensible coa causa das mulleres. As glorias e as penas, case todas en prensa dende hai 17 anos. Ao mando de Fotografía Roller Agencia. Todo comezou cunha Kodak Instamatic 255X da súa avoa e cun flash MagicCube.

TAPAS I. Unha parte do todo

TAPAS I. Unha parte do todo

Colectiva

Na década dos 50, Luis Seoane publica en dous volumes, Libro de tapas (1953) e Segundo libro de tapas (1957), as cubertas que deseñara para a editorial Botella al mar, fundada en 1947 por Arturo Cuadrado e o propio Seoane. Nestas dúas publicacións, xunto con Figurando recuerdos, publicada polo selo Citania en 1959, que recollía as portadas elaboradas polo artista galego para a revista Galicia Emigrnte, sintetízase a aportación de Seoane á época dourada da edición na Arxentina.

A confluencia entre arte e deseño editorial, xunto co carácter recompilatorio que Luis Seoane transferiu a estes dous libros inspiran o proxecto TAPAS I. Unha parte do todo, que reúne 94 traballos editoriais realizados por 76 creadores nacionais e internacionais, concibidos polos seus autores como pezas artísticas, nunha selección que inclúe obras dos galegos Rosendo Cid, Iván Nespereira, Jacobo Ameneiro y Xosé Lois Gutiérrez. A evolución do formato facilita deste xeito a construción da mensaxe que se quere trasmitir, reflectido nas descricións que galeristas, coleccionistas, artistas e particulares ofrecen dos seus libros, que aquí se respectaron.

O proxecto complétase cunha publicación deseñada polo estudo galego Fabulatorio en formato tabloide que recollerá todas as pezas presentes na mostra, fotografadas polo artista Jesús Madriñán e dispostas nunha serie de fichas que irán acompañadas polos textos dos seus autores, coleccionistas, etc.

 

*Con motivo desta exposición, a Fundación Luis Seone acollerá o sábado 6 de novembro unha mesa redonda que levará por título Os recolectores de libros, na que participarán os comisarios da mostra, Jorge Blasco e Silvia Longueira. Xunto a eles estarán o galerista e coleccionista Juan Naranjo e o artista e editor Xosé Lois Gutiérrez.

Fundación Luis Seoane
Sala de vitrinas. Primeira planta
5NOV 21-5MAR 22
Organiza:
logo-fundacion-luis-seoane

Caracas. A doble página

Caracas. A doble página

Ramón Paolini

Arquitecto de profesión, o fotógrafo Ramón Paolini leva máis de trinta anos retratando a capital venezolana. O seu traballo reflicte a imaxe urbana dunha cidade xeométrica e tropical que se constrúe e reconstrúe con asombrosa tenacidade.

A serie que compón esta exposición (16 imaxes e diversas pezas de vídeo que parten do libro homónimo publicado en 2019) presenta unha mirada arquitectónica chea de contrastes, na que conviven os asentamentos informais e a cidade planificada, situada nunha paraxe extraordinaria e rodeada de extravagante natureza.

Máis que un rexistro documental, Paolini tenta rescartar o perfil da urbe con imaxes atemporais “desprovistas do ruído mundano, de patrullas, ambulancias e semáforos daltónicos, sen o bullicio da súa vida cotiá”. Cos seus acertos e erros, Caracas vista a través do lente fotográfico nun intento desesperado por albiscar unha cidade posible, que segue o seu curso a pesar de todo. Coa súa arquitectura en primeiro plano, envolvida en azul ceo e tal como ela é: gratamente desordenada.

Fundación Luis Seoane
Sala lateral. Primeira planta
5NOV-12DEC 21
Co apoio de:
logo-archivo-fotografia-urbana

Skin

Skin

Alex Domènech

Skin lévanos a espazos de intimidade inmersos nunha contorna hostil. Retrata unha viaxe que cruza territorios xeográficos, políticos e relixiosos onde a liberdade de expresarse libremente vese atrapada nun refuxio construído á forza. Un espazo que nos protexe da ferinte e violenta metralla ideolóxica. Cal é o noso lugar no mundo cando este non nos acepta?

Como home gai viaxando polo globo, vin moitas veces como o dereito ás miñas liberdades básicas foi relegado a un plano privado, en moitas ocasións secreto. As imaxes neste traballo son o que para min é esta viaxe que vai do hostil cara ao íntimo e viceversa, e de como eses dereitos seguen sendo recubertos por capas de violencia e medo. A máis hostilidade, maior necesidade de intimidade. Unha relación que parece ser directamente proporcional.

As fotografías foron tomadas en Kirguizistán, Siria, Líbano e España entre 2018 e 2020. Aínda que algunhas teñen o seu lugar no mapa, outras poderían suceder nun ou outro lugar. A pel erízase igual aquí e en todas partes. As marcas e  arañazos son testemuño de paixóns que espertan no privado. As cicatrices aínda pican e a memoria doe. Vastos terreos foron convertidos en campos de batalla, ante os ollos daqueles que os viron convertidos en terra de ninguén.

FNAC
Mercado Eusebio da Guarda.
Praza de Lugo
6NOV-6DEC 21
Organiza:

Alex Domènech (Santpedor, Barcelona, 1986). Despois de estudar Dirección de cinema na Escola de Cinema de Barcelona, decide dar un xiro cara á imaxe fixa e se  gradúa en Fotografía no Institut d’ Estudis  Fotogràfics de Catalunya.

Desde 2012 viviu en Londres e Tbilisi, combinando as súas estancias con longas viaxes por diferentes partes de Europa e Asia. En 2016 volve a Barcelona, adquirindo novas formas de ver e entender o mundo. É nese momento cando sente a necesidade de darlle máis profundidade aos seus proxectos fotográficos, e faio especializándose en Fotografía Documental de Autor no Observatorio, onde estudará tamén Narración e Edición de  Fotolibros, complementando así o seu achegamento ao obxecto fotográfico. A partir de entón forma parte de varias exposicións colectivas (240 m2, Vida Líquida, Xanelas Emerxentes #1) e  co-funda o colectivo  Hadar206, con quen publica o  fanzine “ Voyeurism” e participa no Art  Photo Bcn e Fotolimo, ambos en 2019 xunto co Observatorio. En 2020 gaña o premio Novo Talento Fnac de Fotografía polo seu traballo Skin.

A fotografía de Alex mira cara ás marxes, entra e explora lugares fóra do común, os límites. Crea universos a través dunha linguaxe que se constrúe desde ese punto de vista no que se atopan, mestúranse e sepáranse as técnicas, as poéticas e as identidades. Nos seus últimos proxectos, madurou un discurso no que as historias se contan desde a intimidade do vivido, cara a novas perspectivas.

Gracias Dios por hacerme lesbiana

Gracias Dios por hacerme lesbiana

María Vérez

A homosexualidade feminina permaneceu oculta para o imaxinario visual, cunha escasísima representación fóra do negocio da estimulación pornográfica, feito a medida das expectativas dos homes heterosexuais e das súas pantasmas de cousificación do corpo da muller e a xenitalización das relacións sexuais.

A voz das lesbianas acerca da súa intimidade, dos seus corpos, da maneira na que aman ou gozan do sexo parece non atopar outro lugar que a vergoña, algo sorpresivo nunha sociedade disparatadamente exhibicionista.

(…)

Tal vez xa sexa hora de acometer un cambio, de expoñer abertamente á sociedade “do coñecemento” á visión do (de tantas maneiras) excluído… E de expoñerse.

Texto: Pep Páramos

Fundación Luis Seoane
Corredor primeira planta
5NOV-12DEC 21

Esclusa Extensiva

Esclusa Extensiva

Albertino | Suqui Castro | Alba González Vilar | Nachok | Belén Terlizzi | Ramon Yoshimura

Esta exposición é a finalización do exercicio didáctivo e colectivo desenvolvido ao longo de todo o ano por Habelas Hainas Estudio Creativo. Comisariado por Jacobo Ameneiro, nesta edición transita polo concepto do tempo, profundando nos diferentes aspectos, relacións e disparidades que poden xurdir ao enfrontarnos a el.

Foto: Alba González Vilar

Fundación Luis Seoane
Corredor primeira planta
5NOV-12DEC 21
Organiza:

Os que nunca fomos. Albertino

Ninguén coñecía a aquel personaxe de trazos indefinidos, tiña rostro humano, pero tamén había trazos animais, un primate, calquera fauna, un cabaleiro ancián, un Don Quixote ou mesmo un monxe estraño. O certo é que os seus ollos eran notables, observaba todo, as procesións, as bandas musicais, as parellas e familias conversando, e o peregrinar da xente.

Pero todo nel era  nebuloso, rostro, roupa, pescozo… se se percibisen as cores e cheiros dalgunha flor, delataríano.

Quería Ser. Suqui Castro

Ah, mira, e esta é de cando fomos ao festival de Jazz da Defense, en París, ese que fan tódolos veráns. Si, mira, é do 1949, creo. Que vestidos tan lindos levabamos. Eran case de estreno. Fixemos a foto á saída do metro, antes do concerto. Facía algo de fresco. Que fartas estabamos de tanto concerto por streaming e tanta leria. Como se chamaban aqueles do TRAP-JAZZ que descubrimos?

ALMA. Alba González Vilar

Entre boleros reencóntrome contigo, é inevitable, a través do teu arquivo fotográfico analizo a túa forma de mirar e imaxínome reproducindo momentos.

Din que a vida é unha viaxe, leste é a miña viaxe a través da luz dos teus retratos en branco e negro, estes son algúns recordos que se converten en algo novo.

Como  reinterpretar os retratos de moitos dos vosos antepasados capturados polos ollos dos meus.

Como dicía aquela canción de  Machín, non importa en que forma, nin onde, nin como….

A Ansiedade dos Límites. Nachok

Estes son escintileos de tempos anteriores ás capturadoras de carbono atmosférico, incluso ao cupo enerxético individual.

A vida da xente era máis orgánica, espontánea. Gustaríame experimentar como se vivía sen ter todo medido, acotado, programado; sometido á implacable lei algorítmica.

Reconfórtame ver as imaxes e tocar o pouco que queda daqueles tempos confusos, os pequenos retrincos de vida que deixaron os meus devanceiros, bits de memoria que aínda quedan na tarxeta interna de teléfonos celulares corroídos pola humidade e o tempo.

Gústame recrear aquelas imaxes, xogar a unir pezas que ás veces teño que inventar e que non casan con nada, pero que me permiten participar naquela historia e completala dun xeito ilóxico, desordenado pero que me deixa descansar da ansiedade dos límites.

Teño que seguir mañá, acaba de saltar o aviso do limitador de consumo eléctrico. Xa non vexo nada.

Emendar. Belén Terlizzi

Volve a luz que as envolveu, a través das súas imaxes. Esa luz modula as sensacións do presente, coloréao, deforma a ollada, xenera ruídos na percepción das formas.

Voltan os soños nos que nos recoñecemos de novo, todas.

Navegamos, indiferentes ao tacto da distancia, porque sabemos que a auga acubilla os nosos devezos.

FREN. Ramon Yoshimura

O tempo é unha das lineas pola cal nós tan so transitamos durante un mínimo intervalo, somos finitos, dende o primeiro instante de vida determinase o fin, intentamos atrapar os nosos recordos na memoria, atarnos a vida, deixar a nosa pegada, e niso é experta a fotografía. Este proxecto pretende recoller a memoria que conforman as fotografías, transitar nesta liña da vida, buscando un segundo conxelado no tempo, un instante eterno que mostra a fraxilidade das persoas.

Profundar

PROFUNDAR

Lúa e Xosé Manuel Ribeira

Lúa Ribeira, galega que fixo historia ao ingresar na mítica Axencia Magnum, segue moi vinculada emocionalmente á nosa terra, aínda que leva unha década asentada no exterior. Nesta a súa primeira exposición individual en Galicia, Lúa presenta, máis que un traballo fotográfico, un acto reflexivo sobre a súa orixe, activado polo feito -tan asumido entre nós- de ter que ‘vivir fóra’.

Dende a diáspora, a devandita orixe tórnase en recordo, nunha lembranza que o paso dos anos obriga a transformar, pero que non lle impide, cando regresa, recoñecer o arraigamento ao lugar. Para a autora, esa evolución convértese inevitablemente nunha proxección no tempo, que lle permite asomarse ao territorio cando todo estea a piques de rematar.

Entre as imaxes, tomadas no ano 2018, intercálanse xoguetes e figuras de madeira talladas por Xosé Manuel, o seu pai, que conectan de xeito natural co ímpetu das fotografías, máis achegadas a plantexamentos reflexivos, case filosóficos, que meramente documentais. En conxunto, a proposta constitúe unha paisaxe mental, na que as imaxes evocan a memoria da infancia e o retorno ao comezo… cando o comezo é tamén o final.

Fundación Luis Seoane
Sala central. Primeira planta
5NOV-12DEC 21

Xosé Manuel Ribeira (Viveiro, 1949) comeza a traballar con materiais reciclados facendo xoguetes e mecanismos sinxelos a partir do ano 2000, cando se prexubila en As Pontes.

Lúa Ribeira (As Pontes, 1986) estudou fotografia documental na Universidade do Sur de Gales e dende 2018 é fotógrafa da Axencia Magnum. Reside en Reino Unido.