KARAKASKUARTAYKINTA | Andata e ritorno

KARAKASKUARTAYKINTA | ANDATA E RITORNO

«Actuar sobre a realidade» para ver, pensar e resistir é unha das normas que guían o traballo de Paolo Gasparini, un dos principais fotógrafos do noso tempo. A través de montaxes fotográficas crea significados que se multiplican pola relación entre as partes, como vemos en dúas das súas series:

KARAKASKUARTAYKINTA componse por máis dunha vintena de fotografías de diversas datas, que len as cidades a través das súas rúas e as súas xentes. O proxecto fala das cidades como seres vivos, que crecen e menguan, melloran e empeoran, acollen ou expulsan.

Pola súa banda, Andata e ritorno é unha biografía en imaxes do propio autor, que comeza na dureza da posguerra italiana na rexión fronteiriza de Friuli. Son fotos de película neorrealista e homenaxes a Paul Strand, o seu mestre de vida, tanto no compromiso social como no modelo fotográfico a base de publicacións e series. Imaxes inolvidables que agora son parte da nosa historia tanto como o son de Paolo Gasparini.

FFOCO traza con esta exposición un eixo atlántico que permitirá descubrir en Galicia o traballo de grandes nomes da fotografía latinoamericana, gracias nesta primeira ocasión á colaboración de PARAVERTEMEJOR, que conta á súa vez co apoio de Archivo de Fotografía Urbana, La Fábrica e Carmen Araújo Arte.

Paolo Gasparini é un dos principais fotógrafos do noso tempo. Presenta os seus traballos en forma de proxeccións audiovisuais, fotolibros e fotomurales. Todos eles son montaxes fotográficos, conxuntos de imaxes nos que os significados se multiplican pola relación entre as partes. Gasparini utiliza estes procedementos durante toda a súa carreira, que comezou en Italia nos anos cinconta do século pasado e continúa en Latinoamérica ata a actualidade, en continuas viaxes de ida e volta.

Orixinario do norte de Italia, Paolo Gasparini mudouse a Venezuela á idade de vinte anos e a súa extensa traxectoria está influenciada polo neorrealismo e polo traballo de Paul Strand, de quen foi discípulo. A fotografía urbana é un dos seus intereses principais e así expresouno en multitude de esceas captadas nas rúas de Caracas, Cidade de México, Sao Paulo e Los Angeles.

Ademais é autor dalgúns fotolibros extraordinarios, como Para verte mejor América Latina, considerado unha obra mestra, un traballo sobre «bos e malos» (Cuba e Estados Unidos) co que intenta cambiar «este maltratado e contaminado mundo». En todos os seus proxectos posteriores continuou aplicando a súa norma de «actuar sobre a realidade» para ver, pensar e resistir.

A súa fotografía documental, enfocada a amosar a diversidade da sociedade latinoamericana, constitúe así unha obra única que recopila a historia visual do continente a as súas profundas contradicións. En 1993 obtivo o Premio Nacional de Fotografía de Venezuela.

O piano pola xanela

O PIANO POLA XANELA

Crónica visual do Papagayo

«Terror de la noche crápula del Papagayo y Tabares, se cuenta de Cela algún desafuero, como el de aquella madrugada en el que el ruido descomunal despertó a los que estaban dormidos y dejó en vilo a los despiertos, que eran la mayoría.
– ¿Qué ha pasado?
– ¡Alguien ha tirado un piano por la ventana!
Había sido, claro, Camilo, que en un momento de inspiración gamberra sacó fuerzas de flaqueza y lanzó a la calle el piano reluciente que adornaba desde tiempo inmemorial el salón de recibir de las furcias».
(«Camilo José Cela. ¿Yo soy así?». Mariano Tudela. Ed. Grupo Libro, 1991)

Por vez primeira, Xosé Castro ‘Pepucho’ e o seu fillo, o tamén fotógrafo Óscar París, presentan un traballo conxunto que levaba moito tempo agochado nos caixóns: un percorrido por un dos barrios máis literarios pero menos fotografados da cidade, quizáis porque poucos co seu arroxo e determinación, pero tamén coa súa sensibilidade, para adentrarse, cámara en man, por estas angostas rúas aló polas décadas dos anos 60, 70 e 80 do século pasado.

Dúas miradas, dous puntos de vista, pero despoxados ambos da aura intelectual, entrañable e idealizada coa que Cela insistiu en convertir ao xa desaparecido barrio chinés («cuesta putera de tanta confianza como buen acougo», según o describiu) en escenario polo que transitaban os personaxes das súas novelas, que é a imaxe que aínda prevalece na memoria colectiva. París e Pepucho, pola súa banda, asómanse ao Papagayo como o que son, dous fotoxornalistas cunha especial capacidade de observación, empeñados en documentar unha realidade que perviviu moito tempo confinada, coa rúa convertirda nunha especie de ‘gueto’ ao que a meirande parte da cidadanía prefería non mirar.

‘O piano pola xanela’ é a primeira exposición íntegramente conceptualizada, comisariada e producida por FFOCO.

Xosé Castro, máis coñecido como ‘Pepucho’ (A Coruña, 1942), «foi o fotógrafo da cidade e dos cidadáns. O seu obxectivo sempre foi a xente. É o home que estaba detrás da cámara no incendio do pazo de Meirás, no conflicto das Encrobas, no accidente do avión en Montrove, nas inundacións de Padrón. Antes foi escudero de Alberto Martí, outro histórico (…) Detrás de cada imaxe hai unha historia e Xosé Castro é o home do milón de historias. Un millón de historias e un millón de amigos. Fotografou durante décadas, máis de corenta anos publicando fotos nas páxinas de La Voz, todos os rincóns e rostros da cidade. Fixo bodas, bautizos, funerais (…) Expuso unha colección de bicos no Casino del Atlántico que nada lle envexaban ao que inmortalizou Doisneau. Bicos no paseo marítimo, bicos na rúa, bicos en calquera recuncho. Non podería ser doutro xeito nun amante da vida. Xosé Castro só sabe traballar con película de alta sensibilidade, a súa».

«El fotógrafo de la gente». César Casal, La Voz de Galicia. 13/03/2006

Óscar París é fotoxornalista autodidacta. Comezou a súa traxectoria no diario La Voz de Galicia como aprendiz de laboratorio e, xa como reporteiro, traballou na Axencia EFE, Diario 16 e o diario El País, onde desenvolveu a meirande parte da súa vida profesional.

Na actualidade traballa como freelancer e centra a súa producción en reportaxes de contido social, con especial atención aos colectivos máis desfavorecidos.

Monte Alto

MONTE ALTO

Un percorrido previo aos confinamentos perimetrais e ao toque de queda polos espazos deste emblemático barrio da cidade mergullándose na súa paisaxe, arquitectura e veciñanza.

Jesús Caballero Varela é fotógrafo e editor. Cofundador de BANCO Editorial: escola de fotografía, editorial e galería independente con base no barrio de Monte Alto, A Coruña.

Expón o seu traballo en proxectos nacionais e internacionais. Ten varios libros publicados, o máis recente é Photographs from Japan, feito en colaboración con Juan Rodríguez e que contén unha selección de imaxes realizadas por ambos fotógrafos en diferentes viaxes ao Xapón. O libro está deseñado por Desescribir e publicado por C2C no 2020.

Radical / Papel

RADICAL / PAPEL

Alauda Negra é un proxecto editorial creado e dirixido por Xosé Lois Gutiérrez Faílde en 2019. Está enfocado no impulso de pequenas creacións visuais baseadas na relación entre texto e fotografía. Foi concebido para difundir e visibilizar toda unha serie de propostas que, pola súa escala ou intención, teñen como soporte ideal a edición en papel a modo de brochura ou fotozine. O obxectivo deste selo editorial é publicar traballos de tirada limitada pero fortemente comprometidos coa coherencia no seu deseño editorial e na súa definición estética.

Alauda Negra atende tamén á imposibilidade de fixar uns límites no proceso de creación de calqueira traballo artístico. Ben sexan como hipóteses, apuntamentos ou maquetas ou como subproductos ou derivacións doutros proxectos maiores, todos os proxectos que se publican en Alauda Negra non atenden á definición de peza pechada, senón que funcionan como chaves subalternas que poden articular ou xenerar outras fórmulas de diferente alcance.

Radical / Papel é a proposta de Alauda Negra para a cuarta edición de FFOCO. Con ela preténdese despregar, coa exposición como medio, as consignas e modos de traballo que lle dan identidade aos proxectos deste selo editorial galego. Ao tratar a parede como unha páxina sen rexistro, as imaxes desta acumúlanse e densifícanse como un palimpsesto que acaba revelando o conxunto de decisións, tentativas ou renuncias que constitúe e afirma a formalización de cada unha das publicacións que ata o momento configuran o catálogo de Alauda Negra e que ten como primeiros autores a Xosé Lois Gutiérrez Faílde, Rosendo Cid, Iván Nespereira e Misha Bies Golas.

A actividade de Xosé Lois Gutiérrez Faílde (Lalín, 1976) abrangue distintos ámbitos: a práctica fotográfica, a escrita e o ensino. Realiza traballos fotográficos; escribe en distintas plataformas como autor independiente e tenta introducir na súas aulas procedementos didácticos vinculados coa cultura visual e a historia da fotografía. Vive e traballa en Sarria (Lugo).

Rosendo Cid traballa varios medios como a fotografía, o colaxe, a escultura ou o debuxo, nos que en ocasións inclúe textos que completan ou son parte fundamental dos mesmos. Ten prologado diversos catálogos de arte e comisariado exposicións. Das últimas mostras individuais podemos destacar La duda es el único estado posible, na galería Nordés no 2018, e Fe de erratas, na fundación Rac, no 2017. Das colectivas destacar a participación na colectiva do CGAC, En construcción, 2018 ou a participación en Afluentes 94: Os anos circulares, unha selección dos artistas galegos máis destacados dos anos noventa. Dos últimos libros destacar, Los consejos no son un buen sitio para quedarse a vivir (2018) na editora Papeles Mínimos, e 5000 veces pintura, compendio de aforismos publicado pola Galería Circular no 2017. En libros colectivos aparece en El cántaro a la fuente. Aforistas españoles para el siglo XXI, editado por Apeadero de Aforistas e Thémata Editorial. Dos premios destacamos o Primeiro premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea no 2018 e o premio na convocatoria de comisariado para a Zona C, de Santiago de Compostela, coa mostra Un cuarto propio, con obras da artista Rosa Neutro no 2017.

Iván Nespereira (Ourense, 1978) traballa como fotógrafo e realizador freelance no ámbito da publicidade dende 2002. Inviste tempo en desenvolver proxectos documentais a longo prazo, que parten da investigación e onde a fotografía e o vídeo son as principais ferramentas que utiliza. En 2017 autoedita Nueva Galicia, un traballo que explora a pegada da migración e o ‘boom’ do caucho no Amazonas. A súa obra foi proxectada en festivais de cinema como Curtocircuíto, OUFF, PlayDoc e Bogoshorts. Ten exposto no Arquivo Municipal de Lisboa, Fiebre Photobook, Dispara, Fotomuseo Catro Camiños, PHotoEspaña, Athens Photo Festival e La Nautilus. En 2018 recibe o premio PHotoEspaña ao mellar libro autoeditado. Colaborou con cineastas como Pela del Álamo ( N-VI), Vicente Vázquez | Usue Arrieta (Canedo, ANAZAOP) e Óliver Laxe (París#1). Actualmente traballa en 30122, proxecto que realiza unha cartografía de Galicia a partir de fotografías.

Misha Bies Golas (Lalín, 1977) é artista plástico, educado no campo da fotografía e o deseño. A súa obra atinxe ámbitos de distintas disciplinas, centrando os seus últimos traballos en torno ao apropiacionismo, libros e obxectos de diversa natureza. É un artista de mínimos, que emprega a modestia dos medios ao seu favor para crear unha obra chea de referencias a un mundo terreal, absurdo e en ocasións abxecto pero dende a óptica do observador agudo e perspicaz que anda sempre a buscar a puntada. A súa obra puido verse no CGAC (Santiago de Compostela), Galería ADHOC (Vigo), Fundación Luis Seoane (A Coruña), MARCO (Vigo), Laboral (Gijón), Sala Josep Renau da Facultade de Belas Artes de San Carlos (Valencia), Appleton Square (Lisboa), Galería Trinta (Santiago de Compostela), Fundación DIDAC (Santiago de Compostela) e Galería Luis Adelantado (Valencia) entre outros espazos. Entre as súas últimas exposicións atópanse «Referenciação», Sala Projeto Fidalga, São Paulo (Brasil), 2018; «Entre rueda y Bahamontes» en Galería Addaya, Palma de Mallorca, 2019; «Tribuna Pública», Praza Fábrica de Tabacos, A Coruña no 2019 e «La cuestión es ir tirando», Centro Cultural de España en México, 2020. A súa obra forma parte de coleccións como a Colección CGAC, Colección DKV, Fundación María José Jove, Colección Fundación Luis Seoane, Colección MICA Colección Mardel entre outras. Na actualidade coordina xunto con David Silva o proxecto CICLÓN en Santiago de Compostela.

O Novo Normal: A Coruña

O NOVO NORMAL: A CORUÑA

“Todo o mundo ten algo que contar”. Entre a avalancha de imaxes e proxectos fotográficos en torno á covid-19, o traballo de Javier Quiroga salienta polo seu achegamento local aos efectos da pandemia. Así, dende o primeiro día en que o Goberno central permitiu á cidadanía sair ás rúas para pasear ou facer deporte, Javier colleu a súa cámara e comezou en redes sociais un diario do desconfinamento, no que acompaña con textos e fotos os medos e inquedanzas da veciñanza, pero tamén as súas esperanzas e ilusións fronte a este incerto futuro que nos agarda.

A maior parte das imaxes e testemuñas foron recollidas por Javier nos barrios de Monte Alto, Pescadería e Cidade Vella e trasladadas a todos os recunchos do planeta a través do perfil de Facebook O Novo Normal: A Coruña. Agora, o proxecto dixital convértese en exposición nas paredes da Fundación Luis Seoane.

Javier Quiroga é fotógrafo, ainda que traballa de camareiro. Naceu en Ferrol fai 42 años, e vive con dous gatos, Bowi e Macy.

O seu traballo O Novo Normal é un proxecto de antropoloxía fotográfica que non empezou como tal, senón como unha resposta natural a dous meses de confinamento. Naceu da necesidade de contacto humano, de compartir a experiencia do que foran esas semanas de aillamento, e tamén de volver, por fin, a facer fotos. Pese a que a pandemia do Covid-19, está presente en casi todas as historias, o proxecto ten vocación de continuidade. Cando a enfermidade estea por fin superada, buscará seguir contando pequeñas historias cotiás da veciñanza.

Bloop

BLOOP

Xa antes de que vivíramos inmersos nunha película de ciencia ficción, a fotógrafa de Portonovo María Moldes inspirouse no cine americano de serie B dos anos 50 para levar escenas reais e cotiás ao seu terreno, un espazo paralelo no que abunda o surreal, a ironía e a melancolía.

Así, Bloop é un proxecto no que leva traballando varios anos no Mar Menor, unha zona orixinalmente paradisíaca, pero sobreexplotada turísticamente, estéticamente decadente e ecolóxicamente ao borde do colapso pola presión urbanística e os vertidos agrícolas e minerais. Para poder soportar emocionalmente o que para a autora é «unha traxedia», en Bloop deixa voar a súa imaxinación e constrúe un mundo de ficción facendo énfase no absurdo das conductas humanas (centos de persoas que acuden a darse baños de lodo supostamente terapéuticos) ao tempo que denuncia o poder devastador da nosa especie.

As fotografías de María Moldes (Portonovo, 1974) teñen unha gran distribución no circuito artístico europeo e norteamericano a través das redes sociais, así como repercusión mediática en publicacións como The Guardian, Le Monde, Der Spiegel, El País, El Mundo, CNN Photos, Courrier International, ABC… onde público e crítica eloxian a súa orixinalidade e o seu bo facer.

Este impulso incrementouse no ano 2018, despois de ser seleccionada no Festival da Nova Fotografía Europea en París e de presentar o seu último proxecto no Museo Barjola de Xixón, tras obter a Beca AlNorte, ademais de participar en dúas exposicións en PHotoESPAÑA 2019.

No 2019 fai a súa primeira incursión no cine realizando a súa primeira curtametraxe, coa que obtén dúas nominacións e o Premio á Mellor Dirección Artística en NotodoFilmFest, así como a Beca Lens de Cina 2020/21.

mariamoldes.com