Bóveda, a memoria no lugar

Óscar Gorriz

Presentación e foliada: sábado 2 NOV | 13:00 hs
Fundación Luis Seoane | Salón de actos e patio
«Bóveda, a memoria no lugar, editado por Canela, é o primeiro libro do fotógrafo coruñés Óscar Górriz, unha obra que celebra a riqueza da cultura galega mediante un proxecto etnográfico, fotográfico e musical levado a cabo polo autor durante a súa residencia na Casa da Memoria, en Bóveda (Lugo).

A través de recollidas etnográficas e fotografías analóxicas de medio e gran formato, o autor mergúllase nas lembranzas dos maiores das aldeas do concello de Bóveda, recollendo relatos de vida, costumes, mitos e lendas. A partir deste material ten lugar unha creación musical, producindo cántigas novas de estilo tradicional, co fin de realizar unha achega á música popular, desde unha rexión onde os cantares de transmisión oral esmoreceran antes da chegada das novas xeracións de recolledores de finais do século XX.

O presente tratado subliña a relevancia de conservar vivas as nosas tradicións orais na era da Intelixencia Artificial, garantindo que o noso relato histórico colectivo permaneza accesible tanto en formato online como impreso.

Este proxecto é unha homenaxe ao patrimonio de Bóveda e de Galicia, un testemuño valioso que busca transmitir estas historias e saberes ás futuras xeracións, preservando así a esencia da nosa herdanza.

A publicación contén acceso mediante códigos QR a sons ambiente, conversas gravadas e músicas creadas polo autor, co fin de enriquecer e complementar a experiencia de lectura.

Este libro, que se presentará oficialmente nesta edición do Festival FFOCO, vai acompañado e inclúe o lanzamento do primeiro sinxelo musical do autor, a Xota de Bóveda, en colaboración co arranxista portorriqueño Pablo Hernández Mejías.

A presentación do libro irá aderezada con cantares tradicionais inspirados nas historias do libro, interpretados con pandeiro por Óscar ao estilo da música de foliada. A continuación compartiremos un aperitivo organizado por as compañeiras de A Parva

Óscar Gorriz

Óscar Górriz (A Coruña, 1977) é un creador interdisciplinar cun profundo interese pola etnografía e a cultura galega. Formado en artes visuais entre A Coruña e Barcelona a finais dos anos 90 e principios dos 2000, o seu estilo fotográfico ven marcado pola influencia de mestres como Walker Evans, Man Ray, Ansel Adams, Sergio Larraín ou José Caruncho.

Na década dos 2000, colaborou como artista visual na cultura urbana do momento, a cabalo entre Barcelona, A Coruña, Sevilla e Londres, ao tempo que participaba como produtor de música urbana e DJ nos clubs e estacións de radio coruñeses.

A comezos dos 2010 participou como activista na fundación e desenvolvemento de espazos sociais e culturais de vangarda entre Galicia e Portugal, como a Casa Tomada ou a rede Galiza Imaxinaria.

A finais dese mesmo período, centrouse na fotografía documental, realizando a súa primeira residencia artística en Porto en 2018, cidade á que viaxaba frecuentemente naqueles anos, época na que tamén comeza o seu achegamento á música e cultura tradicionais galegas, estudando percusión e canto arredor de mestres como Xurxo Fernandes e Fransy González, e colaborando como realizador e fotógrafo con nomes como Ugia Pedreira, a propia Fransy González ou Miro Casabella.

A súa experiencia artística integral eclosiona en 2023 coa residencia en Bóveda, de onde xorde este libro e na que combina todos os coñecementos adquiridos sobre fotografía, cultura e música. No libro inclúe o seu primeiro sinxelo de música galega, a Xota de Bóveda, inspirada nas historias locais que recolleu no proceso.